José Manuel Vieites, presidente da CEG: ‘Incrementar os custos sobre as empresas non vai solucionar nada, hai que chegar a acordos’

0
7

Santiago de Compostela, 15.11.2021- Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) foi entrevistado esta mañá no informativo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, despois da celebración, o pasado venres, do 40 aniversario da entidade, ao que asistiu o Rei Filipe VI en Compostela. Na conversa destacou que houbo moitos avatares durante eses 40 anos e agora a institución está  intentando reconducir os aspectos que inflúen na competitividade das empresas e que o importante é recobrar a consolidación da recuperación económica.

En canto a esa recuperación, Vieites salientou que «a vacinación foi unha cousa moi importante para a  globalización dos mercados, pero hai territorios onde non se chega ao 10 %». Preocupa, afirmou, os prazos de entrega dos provedores, e dixo que hai problemas de entrega porque hai falta de contedores nos portos. Así mesmo, destacou que a inflación e o déficit tamén lles preocupa porque pode influír dunha maneira negativa na recuperación e a consolidación.

En canto á reforma laboral, o presidente do empresariado destacou que non lles preocupa que se produzan algúns cambios e afirmou que a reforma de 2012 creou emprego. Cre que «hai que buscar medidas adecuadas para a integración dos mozos e evitar a temporalidade».  Destacou que as medidas desta reforma deben de ser cara aos próximos anos e que hai buscar un consenso para que o sector empresarial «non sufra».
Subliñou tamén que «sempre defendo o diálogo social e que hai que buscar medidas que non distorsionen a posibilidade de crecer en emprego e riqueza».  

Aumentar a cotización

Sobre a xuntanza entre o Goberno e os empresarios deste luns para aumentar a cotización e así garantir o futuro das pensións, cre que incrementar os custos no sector empresarial é prexudicalo.  É partidario de que hai que negociar para gañar entre todos o reto do futuro e ter en conta a situación dos pensionistas actuais e das xeracións futuras.

Industria galega

Vieites cre que a industria galega ten retos importantes e destacou que Galicia ten o 20 % da súa terra industrializada.  Destacou que territorios como As Pontes ou Ferrolterra están con moitas dificultades. Cre que hai que adoptar medidas, sobre todo nos custos enerxéticos e a política enerxética, e intentar que as empresas sexan competitivas. Destacou que tras a pandemia, a produtividade baixou moito. Pensa que hai que buscar políticas de formación adecuadas polo cambio que a dixitalización ou a economía verde van producir a partir de 2030. O presidente da CEG afirmou que non é partidario da creación dunha empresa eléctrica pública galega e destacou que habería que buscar unhas enerxías alternativas para equilibrar os custos.

Situación da pesca

O presidente da CEG afirmou ser partidario de que a Unión Europea e o Reino Unido cheguen a un acordo en canto a repartición das cotas da pesca. Cre que hai que chegar a un acordo equilibrado coas dúas partes e que Galicia ten unha flota moi importante pescando neses caladoiros.

Para rematar, e en referencia ao seu mandato na CEG, Vieites afirmou que desde que tomou cargo da presidencia, en xaneiro, a súa primeira visión foi incluír no consello asesor ás grandes empresas galegas. Subliñou que a unión empresarial que el prodiga o presidente «está aí» e cre que están na folla de ruta adecuada para poder defender os intereses dos empresarios para esa creación de riqueza e emprego en Galicia.

Fuente Crtvg.es