Juan e Paula son os protagonistas en ’48 horas para o si’ dun amor a primeira vista, que hoxe pode rematar en voda

0
16

Santiago, 30.11.2021.-   O ’48 horas para o si’ trae hoxe a historia de amor de Juan e Paula, un amor a primeira vista que, tras unha sorprendente petición de man esta noite, podería selarse cunha voda ‘exprés’. A desta noite é unha relación xurdida nos albores da pandemia, un frechazo que uniu a Juan, un rianxeiro de 33 anos, natural de Colombia, que atopou o amor da súa vida mentres tomaba un vermú coa súa nai, e a Paula, vilagarciá de 26 anos, quen descubriu o amor con esta parella despois de superar dúas relacións do máis tormentosas.  

Propiciado polos peches perimetrais, Juan e Paula comezaron a vivir xuntos en Vilagarcía de Arousa ao pouco tempo de comezar a relación. Juan, acabado de separar da nai dos seus dous fillos, acode agora a ’48 horas para o si’ decidido a pasar o resto da súa vida coa súa moza, que achega tamén unha filla á parella. E para levar a cabo todos os preparativos da posible voda, Juan compartirá durante dous días a autocaravana co seu cómplice José Manuel, o seu cuñado.

Coma sempre, a actriz e presentadora do espazo, Iolanda Muíños, dará a coñecer os protagonistas desta noite. O ‘culpable’ ou ‘verdugo’, Juan, quererá darlle unha gran sorpresa á súa moza, pero xogará o todo polo todo dando un paso tan importante na relación para acadar o ‘si, quero’. Pola súa parte, a ‘vítima’, a noiva, acudirá ao programa totalmente enganada, pensando que vai participar nun espazo de televisión para coñecer mellor a súa parella. E durante este proceso, a audiencia coñecerá tamén as familias de ambos e gozará dos momentos previos ao posible compromiso.

Conseguirá Juan o ansiado ‘si, quero’ ou non? En caso contrario sería un auténtico pau… Todo este cóctel explosivo de emocións e risas agarda a parella protagonista e a audiencia da TVG, esta noite, a partir das 22:55 horas.

Fuente Crtvg.es