Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: «Empezamos a ver os primeiros indicadores, non de baixada, pero si de que non segue crecendo»

0
5

Santiago de Compostela, 30.07.2021.- Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, foi entrevistado esta mañá no informativo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde valorou a situación socio-sanitaria de Galicia nestes días nos que se enfronta a quinta onda da Covid-19.

García Comesaña amosouse cauto ante a posible estabilización desta onda e asegurou que “ empezamos a ver os primeiros indicadores, non de baixada, pero de non seguir crecendo como estabamos ata agora”. Ante o avance da estratexia de vacinación, deixou claro que “Galicia é unha das comunidades autónomas que máis doses administra das que recibe” e “vai seguir sendo así”. Non obstante, “o complicado é garantir as segundas doses”, ante a redución do número de vacinas recibidas nestes meses de verán.

E á volta da esquina está xa o comezo do curso. “Cos datos que manexamos unha parte dos estudantes si estarán vacinados, os de Bacharelato, por exemplo, e esperamos ter vacinados os cursos máis altos da ESO”, cre Comesaña. 

O conselleiro de Sanidade sinalou a dobre función dos novos puntos móbiles para a realización de test de antíxenos: “facer test e emitir certificados covid”, así como “dar de alta no portal dixital e axudar ao cidadán cos trámites”. O obxectivo principal desta medida sería “atopar casos positivos e facer o illamento”.

Comesaña cualificou a medida que converte os certificados Covid nun indispensable para acceder aos interiores dos locais como unha forma de “garantir a seguridade”, e salientou que esta proposta fíxose “da man do sector hostaleiro”. Nas súas propias palabras, “se non fose así, hoxe teríamos 200 concellos co interior da hostalería pechada”. Así mesmo, destacou o carácter maioritariamente colaborador das persoas cando son contactadas nos rastrexos, e remarcou a importancia de “facer corentena” ao ser contacto estreito. O patrón nesta quinta vaga é o de “xente nova con moita interacción social”.

García Comesaña amosouse tamén satisfeito ante a recente resolución pola que se retira o recurso á lei galega de saúde e fixo fincapé na postura da Xunta de Galicia de “reclamar unha lei de pandemias”.

Fuente Crtvg.es