Julio García Comesaña: «O maior problema é a falta de médicos de familia, agardamos que o Goberno volva ao antigo MIR»

0
24

Santiago, 30.01.2023.-    O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, foi entrevistado este luns no informativo ‘Bos Días’ da TVG nunha entrevista que arrincou falando da covid: “a poboación galega respondeu favorablemente e temos as porcentaxes de vacinación máis elevadas de todo o estado nos maiores de 80 e mesmo entre os de 60-69 estamos 30 puntos por riba dos datos do estado; aínda así, cremos que é importante seguir insistindo nesa prevención”.

O conselleiro explicou que “insistimos en que os maiores de 60 anos e as persoas con factores de risco se vacinen, por iso tamén estamos vacinando nas fins de semana para facilitalo, e tamén abrimos a vacinación ás persoas que convivan con persoas con risco”, dixo, sinalando tamén “o enorme traballo que están facendo os profesionais sanitarios».

Remata este luns a campaña de vacinación da gripe con datos “moi positivos” canto ao número de vacinacións e tamén coa novidade da franxa infantil de entre 5 meses e 69 meses: “a vacinación infantil foi unha novidade este ano canda a do papiloma humano e a do meningococo, e acadamos unha porcentaxe de máis do 50 %. Iso manifesta que os pais son sensibles ao tema da gripe”.

O día 7 de febreiro está previsto que o Goberno central leve ao Consello de Ministros a retirada da máscara no transporte público, e só se manterá a obriga de levala en centros sanitarios e farmacias. Se se aproba, entraría en vigor o día 8 de febreiro. Sobre isto, o conselleiro sinalou que “as decisións de retirar a máscara no transporte público hai que facela con criterios técnicos e non se discutiu”, dixo, lamentando que a decisión non se debatese coas comunidades autónomas.

A sanidade aumenta os cribados para a detección precoz de certos tipos de cancro

A semana pasada Sanidade anunciaba no Parlamento importantes novidades para a prevención do cancro coa ampliación dos cribados, cuestión á que Comesaña se referiu sinalando que “Galicia vai por diante nos cribados, tanto de mama, como colorrectal e de colo de útero, do que está establecido en España e tamén en Europa. Imos rematar agora a incorporación de todas as áreas sanitarias do cribado de colo de útero e imos ampliar a idade de mama e colorrectal. Somos a primeira comunidade autónoma que baixa a idade do cribado de mama aos 45 anos ata os 74. Aumentamos o 50 % a poboación diana para o cribado de mama”.

Máis investimento en sanidade e en cribados para 2023

A saúde pública incrementou os presupostos “un 17 % para 2023, para acadar por primeira vez os 106 millóns de euros e tamén nos cribados incrementamos case tres millóns de euros” para rematar a implantación do do cancro de colo de útero e para esbozar as primeira liñas de cribados de cancro de pulmón e próstata. O conselleiro sinalou tamén que o programa de prevención de cancro de mama acaba de facer 30 anos “cuns datos moi favorables de detección precoz e de aí os resultados finalmente do tratamento”, dixo.

Acceso ás prazas MIR

Julio Comesaña explicou que desde o Parlamento galego váiselle pedir ao Goberno Central que modifique o modelo de obtención de prazas MIR: “ímoslle pedir que volva ao sistema de antes, que a persoa que superou o exame MIR e pode escoller que teña toda a oferta de prazas. O ano pasado nun contexto de falta de prazas de familia comunitaria, que é o problema fundamental que temos na sanidade pública española, produciuse un feito sorprendente: 200 prazas quedaron sen escoller fundamentalmente polo sistema de elección. Dicíao todo o mundo menos o Ministerio”. Este ano Galicia achega 65 prazas novas, sinalou Comesaña, “máis da metade das prazas novas prazas MIR de Médico de Familia están en Galicia. Agardamos que os médicos que queiran escoller praza en Galicia non teñan esa limitación de ter que preelixir. Confiamos en que o Ministerio adapte esta petición e poidan elixir entre todas as prazas, non só entre as preelixidas”. Ademais, Galicia, lembrou o conselleiro de Sanidade, “pide incrementar en 1.000 prazas máis as prazas MIR nos próximos anos, pola falta de médicos”.

Atención primaria na área de Pontevedra-O Salnés

A semana pasada Julio García Comesaña mantivo unha xuntanza cos alcaldes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que se amosaron preocupados polas listas de espera, mesmo na atención primaria. O Conselleiro de Sanidade di que a situación na atención primaria na área de Pontevedra-O Salnés mellorou, pero que aínda faltan médicos: “En termos xerais, en Galicia, o 82 % das citas que se piden a diario obteñen unha cita en menos de catro días. Este é un dato moi bo dato, pero gustaríanos que fose o 100 %, hai áreas como Lugo o Ourense onde o 98 % das citas que se piden se obteñen nos catro días seguintes”.

Fuente Crtvg.es