Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambian, por un día, os seus programas da Radio Galega

0
22

Santiago, 12.02.2020.-  A emisora pública galega súmase este xoves á conmemoración do Día Mundial da Radio cunha programación especial.  Ao longo da xornada, abriranse os micrófonos á participación dos oíntes, e uniranse moi especialmente a esta festa das ondas os programas ‘Galicia por Diante’ e ‘Pensando en Ti’. O xoves, a Radio Galega terá como grandes protagonistas dous dos presentadores estrela da emisora pública: Kiko Novoa e Marcial Mouzo. Co sentido do humor que os caracteriza, os coñecidos locutores farán fronte ao reto que supón intercambiar, por un día, os seus respectivos programas, o magazine matinal ‘Galicia por Diante’ e o espazo nocturno ‘Pensando en Ti’, que desenvolverá esta edición especial na madrugada do mércores ao xoves.

Ao longo de toda a grella da programación, a RG tamén estará aberta á colaboración dos seus oíntes e dos seus profesionais e colaboradores, que poderán achegar saúdos con motivo desta data tan especial. Un dos cometidos será contarlle á audiencia o significado nas súas vidas da radio, e, en concreto, da Radio Galega.

A Televisión de Galicia celebrará este día con conexións en directo cos estudios da Radio Galega nos seus diferentes programas. Deste xeito, o espazo ‘A Bóla Extra’ estará a edición do xoves presentada por Marcial Mouzo, en emisión simultánea para a TVG e a Radio Galega; en ‘A Revista’ entrevistarase no estudio o responsable de Deportes da RG, Xoán Galán, e un equipo do magazine informativo estará en directo no ‘Galicia por Diante’ para falar con Cristina García e, pola tarde, o programa ‘Fun polo Vento’ asistirá ao espazo radiofónico ‘A Tarde’ para conversar con Antón Rebollido sobre a efeméride. E desde as redes sociais da CRTVG ofreceranse tamén vídeos de promoción sobre a emisora pública.

Fuente Crtvg.es