Ademais, o programa (22:45 h) visitará o Banco de Alimentos de Lugo e estará no Hospital Provincial de Pontevedra cunha muller a punto de dar a luz
Santiago, 26.09.2023.- A Televisión de Galicia ofrece este martes unha nova entrega do programa ‘Latexos da Cidade’, que a semana pasada comezou unha nova temporada e que ten como obxectivo tomarlles o pulso ás cidades galegas mediante os seus protagonistas, as persoas que as habitan e os lugares onde traballan.
‘Latexos da Cidade’ achegarase esta noite a Pontevedra, A Coruña, Vigo e Lugo. Na primeira parada, acompañará a Paula ao Hospital Provincial de Pontevedra, onde agarda emocionada o nacemento do seu bebé no servizo de xinecoloxía. Na Coruña, unirase ao equipo de Salvamento Marítimo nun emocionante simulacro de rescate en barco e helicóptero.
Na súa visita a Vigo, o espazo da TVG percorrerá a cidade en autobús para coñecer o equipo detrás do servizo de transporte e asistirá a unha inspección sorpresa. E, por último, en Lugo, os espectadores descubrirán o Banco de Alimentos e o incansable traballo dos seus voluntarios para achegar esta axuda a centos de persoas necesitadas.
Fuente Crtvg.es