Los Satélites contra Olympus, duelo de orquestras no ‘Evento G’ que a TVG ofrece este luns á noite

0
17

Santiago, 02.08.2021.-    A Televisión de Galicia ofrece hoxe un enfrontamento musical de altura no ‘Evento G’ que se emitirá esta noite: Satélites contra Olympus, unha loita por destapar cal é a terceira formación máis importante de Galicia.
    
Tras a batalla entre a París de Noia e a Panorama, os espectadores terán que decidir quen se coroa como parte da tríade de ouro galega. Para isto asistirán ao duelo entre dúas grandísimas e icónicas orquestras que cada día gañan máis seguidores, nunha noite arbitrada por Alba Mancebo e Arturo Fernández.

As dúas formacións bateranse polo estilo que máis atrae, sendo os seus completamente distintos. Serán os temas máis clásicos de Los Satélites os preferidos do público ou gustará máis a música movida da Olympus? Ao longo da noite, Los Satélites  demostrarán que seguen á moda tras máis de 80 anos nos escenarios e a Olympus deixará claro que, aínda que só leve 21 anos en activo, está xa consolidada como unha das mellores orquestras de Galicia.

Os integrantes das dúas formacións bateranse nunha serie de duelos en que demostrarán quen é ‘o sol da verbena’ ou ‘o príncipe da festa’, ademais de participar en enfrontamentos directos con repertorios moi distintos.
    
Os protagonistas desta noite, chea de emoción e sorpresas, comentarán as súas impresións, tanto de forma previa como unha vez rematado o combate, e interpretarán temas como ‘Chiquita Linda’, ‘Bésame’, ‘La Botella’ ou ‘Bebé’, entre outros.
    
Ademais, as orquestras demostrarán a súa grandeza cuns temas en solitario e, deixando a un lado a súa rivalidade, unirán os seus micros cunhas actuacións conxuntas en que o público poderá gozar ao completo do grande talento de ambas as dúas formacións musicais.

Fuente Crtvg.es