‘Lúa vermella’, a nova película de Lois Patiño, participada pola TVG, chega este venres aos cines galegos

0
8

Santiago, 29.10.2020.-    A película ‘Lúa vermella’, dirixida por Lois Patiño e participada pola Televisión de Galicia, chega ás salas de cine este venres, 30 de outubro. Despois de obter a Biznaga de Prata á mellor película española na sección ZonaZine da 23ª edición do Festival de Málaga e o galardón á mellor película no 25º Festival Cinespaña de Toulouse, poderá verse en cinemas da Coruña, A Estrada, Carballo, Ferrol, Lugo, Marín, Monforte, Santiago e Vigo.

Tras a súa estrea internacional na Sección Forum da Berlinale, esta produción galega de Zeitun Films segue o seu percorrido por certames de cinema. Ata agora participou no FICUNAM (México) e nos festivas de Shanghái (A China), Jeonju (Corea), Cartaxena de Indias (Colombia), IndieLisboa (Portugal), na Mostra Internazionale del Nuovo Cinema de Pesaro (Italia) e no Curtocircuíto de Santiago, entre outros.

En ‘Lúa vermella’, o cineasta galego Lois Patiño afonda no universo retratado na súa ópera prima, ‘Costa da Morte’. O filme sitúase nunha vila da costa galega onde o tempo parece deterse. Todas as persoas están paralizadas, aínda que se poden oír as súas voces, que falan de pantasmas, de bruxas e de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres buscando o Rubio, un mariñeiro do lugar que desapareceu no mar.

No elenco destaca o propio Rubio de Camelle interpretándose a si mesmo e Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos, que lle dan vida a un trío de meigas, figuras icónicas da cultura galega que, como a Santa Compaña, habitan o espazo onírico da película. No seu equipo técnico destaca tamén, como directora de arte, a cineasta Jaione Camborda, directora de ‘Arima’, película participada tamén pola TVG.

Segundo Patiño, que acadou o premio ao mellor director Emerxente no Festival de Locarno con ‘Costa da Morte’, ‘Lúa vermella’ “adéntrase na Galicia do mar comprendéndoa na súa dimensión física e imaxinaria, onde realidade e lenda se funden e onde o mar e a morte se entrecruzan con toda a súa carga mítica e evocadora. A historia real do Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, vese envolta polos seres que poboan o imaxinario fantástico galego”.

Fuente Crtvg.es