‘Luar’ cambia de día e ofrecerá este xoves un programa especial de Nadal con actuacións inesquecibles

0
22

Santiago, 23.12.2021.-     Por unha vez, e sen que sirva de precedente, Xosé Ramón Gayoso e Roberto Vilar cambian de día e o ‘Luar’ aterra na noite dos xoves para cederlle a do venres, a de Noiteboa, á tropa do ‘Land Rober Tunai Show’. Pero isto non implica que a maxia do Nadal non vaia inundar hoxe o estudio do programa, que contará con actuacións inesquecibles.

Unha das convidadas da noite será a cantante e compositora grovense Carolina Rubirosa, que saltou á fama co seu grupo The Funkles e que agora, en plena carreira en solitario, lanza o seu novo álbum, ‘Tierra de nadie’, onde espremeu ao máximo a súa creatividade e liberdade como artista. No escenario do ‘Luar’ interpretará ‘Máxico Nadal’.

Os espectadores tamén poderán gozar cos sons tradicionais da Agrupación Folclórica Tequexetéldere, da localidade pontevedresa da Estrada, e cos ritmos do Grupo Nueva Fuerza.

Pero, sen dúbida, o máis destacado enriba do escenario nesta noite tan especial serán as actuacións de caras moi coñecidas da TVG, que coas súas cancións e con moito humor lles transmitirán os seus mellores desexos para estas festas ao público do estudio e á audiencia nas súas casas.

Así, Terio Carrera e Rodrigo Vázquez interpretarán ‘Toca o pandeiro Manuel’; María Mera e Lucía Rodríguez cantarán ‘Volver á casa por Nadal’; Arturo Fernández, Pepe Capelán, Brais Doval e Noelia Rey farán o propio con ‘Todo o que quero polo Nadal es ti’; Xosé Manuel Piñeiro e Adrián Díaz atreveranse con ‘O tamborileiro’; Octavio Villazala e Kiko Novoa cantarán ‘Feliz Nadal’; Trisha Fernández subirá soa ao escenario para interpretar ‘Un branco Nadal’ e Laura Añón, Christian Escuredo e Manuel DeAndrade interpretarán ‘O neno’.

Neste especial de Nadal do programa ‘Luar’ non faltará unha nova entrega do concurso ‘Recantos’, nesta ocasión, coas actuacións de Ruben Darío, representante da comarca Ourense Central, e Dan Ale, procedente da Mariña.

Fuente Crtvg.es