‘Luar’ celebra este venres o seu 30 aniversario cun programa especial cheo de sorpresas

0
23

Santiago, 23.09.2022.-    A Televisión de Galicia celebra este venres o 30 aniversario de ‘Luar’, espazo que emite ininterrompidamente desde setembro de 1992 e que é o programa de entretemento máis veterano da televisión española.

Con Xosé Ramón Gayoso á fronte do programa desde a primeira emisión, o especial desta semana festexará estas tres décadas de vida lembrando as actuacións de grandes figuras da música e contando coa presenza de presentadoras que acompañaron a Gayoso durante estes anos, como Diana Nogueira, Sonia López e Uxía Blanco, entre outras.

‘Luar’ tamén recibirá hoxe no escenario colaboradores e personaxes tan queridos pola audiencia como a señora de Palmírez, Socorrito, o carteiro Anselmo ou Os Tonechos, o dúo formado por Roberto Vilar e Víctor Fábregas, que volven só por unas horas para celebrar o aniversario do espazo en que se deron a coñecer.

No capítulo musical, están convidados a esta gran festa Los Limones, o conxunto ferrolán que se converteu nun referente do pop-rock español dos anos 90, así como nun estandarte local que refrescou a imaxe da cidade departamental. Os espectadores poderán lembrar hoxe as grandes composicións que deixaron e que son recordadas con nostalxia a pesar do tempo transcorrido.
    
Ao longo do programa soará con forza a música das irmás Salazar, o dúo artístico máis coñecido como Ázucar Moreno, que interpretarán cancións do seu último disco, titulado ‘El secreto’. ‘Luar’ tamén lle dará a benvida á cantante de sevillanas e canción española María del Monte, quen cantará algúns dos temas de máis éxito do seu repertorio.

A forza interpretativa e artística da cantante, compositora e instrumentista Mercedes Péon, unha das voces galegas máis recoñecidas, que presentou o programa nas súas primeiras etapas, encherá esta noite o escenario de ‘Luar’. Por el tamén pasarán Treixadura, unha das formacións máis senlleiras da música tradicional galega, e o popular grupo galego Leilía, seis mulleres que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta e que levan máis de 30 anos recuperando do esquecemento a tradición oral galega.

O coñecido dúo Pimpinela regresa esta noite ao espazo da TVG, onde celebrarán os seus 40 anos de traxectoria, con éxitos e cancións coreadas por todas as xeracións seguintes. Os irmáns Lucía e Joaquín Galán, que volven cun novo traballo para conmemorar a súa carreira musical, presentarán algúns destes temas.

Outra das actuacións deste venres será a de Grande Amore, o alter ego de Nuno Pico, un vinteleiro que xoga co pop, o rock & roll e o techno dos 80 e que canta de forma descarada e desgarrada a toda a súa xeración no seu idioma materno. O cartel musical deste programa tan especial complétase coa Asociación Cultural O Fiadeiro, grupo dedicado á recuperación da música e o baile tradicional, e coa Banda de Música de Touro.

Fuente Crtvg.es