‘Luar’ súmase á Semana da Infancia de Unicef nun programa especial con Sergio Dalma como artista principal

0
19

Santiago, 22.11.2019.-     A CRTVG, en colaboración con Unicef, está a poñer durante esta semana o foco na infancia, cunha campaña para sensibilizar sobre os nenos e nenas que morren por causas evitables, non van á escola ou non están protexidos ante a explotación, a violencia ou o abuso. ‘Luar’ súmase hoxe a esta iniciativa e durante todo o programa amosará vídeos arredor do lema ‘Por todos os meus compañeiros’ e animará á participación para recadar fondos. Acompañando a Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén estará esta noite a presentadora Lucía Regueiro, Amiga de Unicef Comité Galicia, que achegará detalles sobre a campaña.

No capítulo musical, o principal artista convidado será Sergio Dalma, dono dunha das voces máis persoais e recoñecibles do panorama musical dos últimos tempos. O cantante catalán celebra tres décadas de carreira con ‘30… y tanto’, un disco que conmemora a súa traxectoria cun novo enfoque dos seus éxitos e que inclúe tres temas inéditos, entre eles o seu novo sinxelo, ‘Donna’, que interpretará esta noite. Os espectadores tamén gozarán con clásicos como ‘Bailar pegados’ e ‘Galilea’.

O espazo da TVG tamén recibirá a visita de Carlos Bau, un dos máis recoñecidos cantautores galegos actuais, que realizou multitude de colaboracións e compartiu escenario con grandes do panorama nacional. ‘Luar’ contará esta noite coa presenza doutro cantautor, neste caso cántabro. Nando Agüeros presentaralle o público galego o seu último traballo, onde recompila os seus grandes éxitos para celebrar máis de 20 anos na escena musical.

Tamén pasará polo escenario o dinámico grupo Tanto nos Ten, que recorre ás letras tradicionais, pero tamén conta con composicións propias, onde o escarnio e o saber popular complementan os ritmos bailables de pasodobres, muiñeiras, mazurcas ou fox trotes.

Ademais, os espectadores da TVG gozarán coa proposta de Tanxugueiras, que chegaron para revolucionar o panorama da música tradicional galega coas súas voces potentes e a súa actitude rebelde. O seu repertorio, coidadosamente escollido, conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar.

O cartel musical desta semana complétase coas actuacións do cantante Leo Rubio, do Grupo Tania Veiras, da agrupación de baile tradicional Armadanzas de Laraño e do Coro Minero de Turón.

No tempo da edición de ouro de ‘Recantos’ enfrontaranse sobre o escenario as voces de Antonio Barros, procedente de Vigo, e de Alberte Suárez, representante da comarca Ourense Norte.

Fuente Crtvg.es