‘Luar’ vive o venres a gran final do ‘Recantos de ouro’, coa calidade artística de dúas coruñesas sobre o escenario

0
14

Santiago, 08.07.2020.-  Este venres, ‘Luar’ porá ramo final a unha temporada moi especial de ‘Recantos’, bautizada como ‘Recantos de ouro’, xa que os participantes foron unha escolma das 20 mellores voces que pasaron polo concurso ao longo de nove anos. As grandes aspirantes a proclamarse gañadoras, Ruth Cundíns, de Terras de Compostela, e Maite, da zona de Noia-A Barbanza, son coñecedoras do que supón pasar por unha final de ‘Recantos’, onde as dúas quedaran segundas nas súas respectivas edicións. Tamén é a primeira vez que son finalistas dúas mulleres na historia deste certame. Esta vai ser unha final moi rifada, en que, ademais do recoñecemento, están en xogo 5.000 euros de premio para a gañadora e unha dotación económica de 2.000 euros para a subcampioa.

Na primeira experiencia de Ruth Cundíns no concurso, cando se desenvolveu a sétima edición de ‘Recantos’ (2016-2017), a cantante compostelá perdera a final co vigués Antonio Barros. Pola súa parte, no caso de Maite, recanteira na segunda edición do certame (2011-2012), o seu paso polo programa foi tamén de éxito, aínda que non puido facerse coa final, que gañaran os Irmáns Diumaró, de Vigo.

Agora, nesta cita decisiva, Ruth Cundíns intentará mudar a sorte coa interpretación de ‘O meu corazón seguirá’, tema principal da película ‘Titanic’; mentres que, Maite intentará triunfar tamén con ‘Vivo por ela’, canción dedicada á música, que fixeron emblemática Andrea Bocelli e Marta Sánchez.  Finalmente, xuntas interpretarán a dúo ‘Aleluia’, de Leonard Cohen.

Ambas intentarán convencer coas súas actuacións o xurado, unha vez máis, formado por Fátima Pego, actual cantante da Orquestra Panorama; Tania Veiras, intérprete do Grupo Tania Veiras e Manuel Deandrade, o membro máis duro de ‘Recantos’. Tanto Fátima coma Tania comezaron as súas vidas artísticas concursando no ‘Luar’ da TVG.

Na foto, de esquerda a dereita, Maite e Ruth Cundíns.

Fuente Crtvg.es