Lucía Pérez, co seu novo disco, e Charo Reina poñen música esta noite a ‘Luar’

0
5

Santiago, 27.01.2023.- O programa ‘Luar’ recibe este venres a Lucía Pérez, que interpretará o seu novo sinxelo, ‘La Penúltima’. Despois de quince anos de carreira, con debut eurovisivo incluído, co tema ‘Que me quiten lo bailao’ no 2011, e sete discos publicados, a cantante do Incio presenta esta noite o tema que serve de antesala do seu próximo disco. Mestura ritmos pop e latinos, creando unha melodía chea de vitalidade e enerxía, na que se pode apreciar certa influencia das rancheiras mexicanas.

Tamén estará hoxe no escenario do programa a artista Charo Reina. A cantante atópase inmersa na gravación do seu próximo disco e nos últimos dous anos rodou catro películas e tres curtametraxes, acadando cun deles, ‘Votamos’, candidatura aos Premios Goya o pasado ano. Deleitará esta noite ao público e audiencia de ‘Luar’ con dous temas, ‘Loca, gamberra y canalla’ e ‘Soy la reina’.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández contará co grupo vintage de swing e rock and roll, The Lucky Duckies. Esta banda revival, con máis de 35 anos de traxectoria na música, lembra os sons dos casinos das Vegas nos anos 50 e 60. Recoñecida mundialmente polos medios, definen o seu proxecto como unha mestura de glamour e nostalxia.

As actuacións da banda de música Unión de Guláns, procedente do Concello de Ponteareas, e o grupo galego Tania Veiras completarán as propostas musicais do programa desta semana. 

Tampouco faltará unha nova entrega do concurso ‘Recantos’, que contará coas actuacións de Paula Ferrer, representante de Ourense Norte, e Nerea Brecht, candidata do Miño.

Fuente Crtvg.es