Lucía Pérez, Serafín Zubiri, Orquestra M-3 e o rapeiro XMaseda enchen de música e emoción o ‘Luar’ deste venres

0
16

Santiago, 14.01.2022.-    Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández traen un venres máis o mellor entretemento para gozar do tempo de lecer na compaña da Galega. Esta noite volverá subir ao escenario de ‘Luar’ (21.55 h) todo un exemplo de superación e de emoción en cada unha das súas interpretacións, o cantante Serafín Zubiri.

A nosa representante galega en Eurovisión 2011, Lucía Pérez, regresa tamén a ‘Luar’ para presentar ‘Na miña pel’, un canto ás mulleres da súa vida, co que amosa unha imaxe máis renovada pero sen esquecerse das súas raíces. Este novo sinxelo da artista do Incio, serve de antesala ao que será o seu oitavo disco de estudio.

Neste programa dedicado ás Terras de Caldelas, algúns dos contidos e convidados da noite estarán relacionados con esta comarca ourensá, como é o caso da actuación do grupo Os Trabazos.

A música da nosa terra seguirá soando no espazo nas intervencións do rapeiro de Viveiro XMaseda, Xosé Maseda Calvo, que presentará ‘Paparrexo’, unha sentida homenaxe ao seu avó coa que está arrasando nas redes sociais; da Orquesta M-3, grupo formado por seis mulleres, con grandes voces, que abrangue todos os estilos musicais; da Asociación Cultural Rosalía de Castro; dos Coribantes de Buchabade, de Ponte Caldelas, e dos regueifeiros Lupe Blanco e Suso de Xornes.

No que respecta ás intervencións humorísticas, o programa gozará coas divertidas propostas dos Ramistas, grupo artístico formado por Pedro Brandariz e Fran Rei, e do dúo Campos e Crespo.

Finalmente, no certame ‘Recantos’ competirán David Gallego (Ourense oriental) e Celtia Buján (Terras de Lugo), e o concurso telefónico disporá dun bote acumulado de 4.500 euros.

Fuente Crtvg.es