Máis seccións didácticas para escolares, desde o luns na Televisión de Galicia

0
5

Santiago, 11.04.2020.-    A CRTVG aumentará desde o luns 13 de abril o tempo e os contidos do bloque educativo que ofrece cada mañá pola G2 e a web crtvg.gal, con contidos variados para os escolares. Despois das vacacións de semana santa, esta faixa educativa estenderase entre as 10.00 e as 13.30 horas.

  ‘O Sabedoiro’, espazo de produción propia da TVG que naceu coa vocación de que a cativada teña un apoio escolar nestas semanas de confinamento, aumenta a duración de 30 a 50 minutos e incorporará novas seccións didácticas. Debido á súa boa aceptación, e co ánimo de axudar en máis tarefas, incluirá novas materias como o inglés. E manterá o seu carácter de directo para seguir fomentando a interacción co seu público, a través do WhatsApp e do Facebook do programa. Tamén se pode acceder a el a través da web da CRTVG. Os luns haberá contidos de ciencias naturais, `Planeta feliz´ e ximnasia; os martes inglés, manualidades e baile; os mércores chegará a clase de lingua galega, `Planeta feliz´ e música; os xoves haberá tempo para matemáticas e inglés; e os venres pechamos a semana con ciencias sociais, `Planeta feliz´ e manualidades.

Ademais, e da man dos Bolechas, os máis pequenos tamén terán a posibilidade de aprender con ‘O teacher dos Bolechas’, quen, ademais de impartir clases de inglés desde a súa casa, o teacher chamará os Bolechas para saber como o están pasando estes días na casa. En total, serán 13 capítulos de 15 minutos de duración que se emitirán diariamente e que complementan a programación educativa da canle pública. Cada clase terá unha temática diferente e actividades máis lúdicas arredor da cociña, a música, os xogos para aprender dun xeito divertido.

Outra incorporación a este bloque educativo é a de ‘Meteoxenios’, microespazo didáctico en colaboración coa Consellería de Educación, en que os profesores Xacobo de Toro Cacharrón e Jorge Gutiérrez Maroto abranguen temas relacionados coa climatoloxía e as capas da atmosfera, así como sobre os distintos fenómenos meteorolóxicos.

  Os nenos e as nenas galegas poderán seguir aprendendo, amais, coas propostas das series de animación ‘Era unha vez o home’ e ‘Era unha vez os exploradores’; coas novas entregas de divulgación científica ‘Aquelando na casa’ ou co coñecemento ameno do mundo animal que propón ‘Criaturas’.

Fuente Crtvg.es