Manuel de Lorenzo, presentador do programa de Radio Galega Música ‘Cara B’, recibe o Premio Julio Camba de Xornalismo

0
23

Santiago, 16.11.2022.-    O xornalista e escritor ourensán Manuel de Lorenzo, presentador do programa de Radio Galega Música ‘Cara B’ e colaborador do espazo ‘Galicia por Diante’, resultou onte gañador, no transcurso dun acto celebrado en Madrid, do XLIII Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba. De Lorenzo recibiu o galardón polo artigo ‘Límites’, publicado en febreiro do ano pasado no xornal ‘El Progreso’, co que lle rende homenaxe á súa nai tras o seu falecemento.

Ao galardón presentáronse nesta ocasión 118 traballos enmarcados no xénero do xornalismo literario ou de opinión. Os outros finalistas desta edición foron Esther Baeza Navarro (Rosa Palo), polo seu artigo ‘Ex’, publicado en todas as cabeceiras rexionais do Grupo Vocento, e Alberto Olmos, por ‘Cuando hasta la nieve nos la tomamos personalmente’, en Elconfidencial.com. O xurado estivo formado por Alfredo Conde, como presidente; Cristina Sánchez-Andrade, Bibiana Candia, Ramón Pernas e Gervasio Posadas, como vocais, e Isaac González Toribio, que exerceu de secretario.

Ademais da súa actividade como articulista e escritor, Manuel de Lorenzo conduce desde a temporada 2019-2020 o programa ‘Cara B’, que se emite os mércores ás 23.00 h en Radio Galega Música. Este espazo, dedicado ás pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música, amosa a cara descoñecida das cancións, artistas e álbums, explicando a letra pequena da historia. Porque a historia da música tamén conta con letra pequena, con momentos únicos que, ocultos entre os demais, adoitan pasaren desapercibidos para o gran público, pero que constitúen relatos apaixonantes que tamén merecen ser contados. As distintas entregas de ‘Cara B’ están dispoñibles na plataforma RadioGalegaPodcast.gal.

Fuente Crtvg.es