María Jesús Lorenzana, conselleira de Igualdade: «As políticas contra a violencia de xénero teñen que evolucionar na sensibilización da cidadanía»

0
24

Santiago, 25.11.2022.-   O informativo ‘Bos Días’ deste venres 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, contou coa presenza no estudio da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Cada once minutos unha muller ou unha nena é asasinada no mundo por un familiar. Son datos das Nacións Unidas. En España xa son 38 as vítimas mortais da violencia machista neste 2022. En Galicia, as denuncias por violencia machista aumentaron un 10% no segundo trimestre deste ano. Con todo, unha investigación presentada este xoves sobre Adolescencia e Xuventude da Fundación FAD Juventud revela que o 15 % dos rapaces e o 8 % das rapazas en España negan que exista violencia de xénero e, de media, o 74 % xulga a violencia machista como un problema social moi grave, aínda que existe máis conciencia entre as mozas.

Sobre esta conciencia social da violencia machista e da nova Lei de Igualdade que está preparando a Xunta de Galicia falou María Jesús Lorenzana na entrevista: “é un dato relevante e que se ten que coñecer. As políticas que estamos levando a cabo continúan incidindo no tratamento e na atención ás vítimas, e iso hai que mantelo por riba de todo, pero as políticas contra a violencia de xénero amais teñen que evolucionar na sensibilización e na formación de toda a cidadanía, insistindo desde as idades máis temperás”.

A Conselleira de Igualdade explicou que desde a Xunta de Galicia están facendo unha macroenquisa a partir dos doce anos, “porque entendemos que hai que empezar moi cedo, para saber como perciben realmente o concepto de violencia”. “É fundamental que se detecten as condutas machistas. Hai novas actitudes, que denominan novos machismos, no que inflúe o tipo de sociedade no que nos atopamos, redes sociais, comunicacións inmediatas e ademais incontrolables xeran moitísimas veces situacións de control, situacións de machismo verbal, que as mulleres teñen que ser capaces de percibir, e alertar e de cortar”.

Sobre a polémica que provocou a campaña de Igualdade da Xunta de Galicia en diversos sectores e foros, a conselleira respostou que a “campaña da Xunta comezou o 12 de outubro, estivo mes e pico en funcionamento nos medios de comunicación e redes sociais e ninguén, nungún partido político, ningún cidadán cuestionou a campaña”. Lembrou Lourenzana que onte só se recuperou “unha das imaxes da campaña con motivo de 25-N, pero o certo é que é unha campaña do pacto de Estado, financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e a campaña ten un obxectivo, creo que clarísimo para calquera que a vexa con sentido común e non a descontextualice, que é o que se fixo”.

Salientou tamén a conselleira de Igualdade que se está atopando “con xente nova que di o mesmo que esa estatística, pon en tea de xuízo que exista a violencia de xénero. Polo tanto, é moi necesario amosar situacións reais que é o que se está amosando na campaña, que se vexa que se están dando situacións de control a través do móbil, das redes sociais, na liña da submisión química; temos un protocolo a través do Sergas para actuar nos casos de submisión química, e tamén as situacións derivadas da intimidación e do medo que poden sufrir as mulleres de noite. Isto vai nas últimas tendencias de facer cidades seguras, urbanismo iluminado… iso é o que é a campaña”.

Sobre a aprobación da Lei de Igualdade que está preparando o Goberno da Xunta, e que se levará ao Parlamento no primeiro trimestre de 2023, di a conselleira que espera “que haxa consenso”. “Teño que dicir que en Galicia si estamos atopando ese consenso no Parlamento. Creo que a sociedade galega está entendendo isto e os partidos políticos estamos intentando trasladalo. Xa houbo outros consensos; a violencia vicaria e a violencia dixital foron incorporadas a lei de violencia de xénero en Galicia por consenso de todas as forzas políticas”. Explicou Lorenzana que agora están na tramitación do texto, “e eu estou para escoitar a todo o mundo, para incorporar todo o que estea dentro do sentido común. É unha lei que intenta incorporar os conceptos máis modernos: urbanismo seguro, discriminación múltiple e interseccionalidade e intenta tamén adaptarse á realidade galega cun estatuto para as mulleres do mar e do rural, intenta estar con todos os sectores e recoller, dalgún xeito unánime, esa loita pola igualdade e por incorporar a perspectiva de xénero”.

Fuente Crtvg.es