María Jiménez presenta novo disco en ‘Luar’, que amais fará gozar o público cos sons de Lucía Pérez, Panorama e A Roda

0
8

Santiago, 27.11.2020.-  Tras superar graves problemas de saúde e camiño dos seus 71 anos, a voz potente de María Jiménez volverá soar esta noite en ‘Luar’, con novas propostas. A cantante regresa con forza e ilusión aos escenarios cun novo traballo discográfico, ‘La vida a mi manera’, do que di que é autobiográfico.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán a benvida este venres tamén a Lucía Pérez, a cantante do Incio que representou a España no Festival de Eurovisión, interpretará algunhas das cancións que recolle no seu último disco ‘Quince soles’, un álbum integramente en galego con colaboracións de grandes artistas.

Outros dos grupos destacados desta edición son o grupo de música tradicional A Roda, quen amais de cantar a dúo con Lucía Perez, achegará o tema ‘Escolma de cantigas’; a orquestra Panorama, que enche de festa e diversión cada unha das súas intervencións; a ex recanteira de Padrón, Noelia Rodríguez; as Pandereteiras Lina e Lola, do Morrazo, e o folclore tradicional do Colectivo Castro Floxo, de Ourense.

A maiores, gozarase co humor de Os Tristes, dúo formado por Federico Pérez e Marcos Pereiro, e cos monólogos que propoñen Cuqui e Alberte Montes. Por outra parte, no ‘Recantos’ competirán esta noite China, de Noia-A Barbanza, e Belehm, en representación de Lugo sur. E o concurso telefónico parte hoxe cun bote de 10.000 euros.

Fuente Crtvg.es