María Solar, recoñecida co Premio Insua dos Poetas polo seu traballo en 'Zigzag' e 'A Revista Fin de Semana'

0
3

Santiago, 19.07.2019.-    A xornalista e escritora María Solar, un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia e unha das escritoras máis premiadas do panorama galego actual, recolle este sábado o Premio Insua dos Poetas 2019 na categoría de creación literaria, polo seu traballo no mundo da comunicación, sobre todo no programa cultural ‘Zigzag’ e en ‘A Revista Fin de Semana’, así como pola súa contribución como creadora no eido da literatura infantil e xuvenil.

María Solar formouse como profesora, bióloga e xornalista, pero é a esta última faceta á que dedica a súa vida profesional, que desenvolve desde hai máis de 20 anos nos medios públicos galegos, en que dirixiu e presentou un gran número de programas de todos os xéneros, tanto na Televisión de Galicia coma na Radio Galega. Actualmente encárgase da coordinación de toda a programación cultural da CRTVG, que se engloba no proxecto #cultura365, con información cultural específica, en directo, nos medios públicos de Galicia os 365 días do ano.

Como escritora, dirixiuse a todos públicos, desde o adulto ata o infantil e xuvenil, eido este último en que obtivo distintos premios, entre eles o Lazarillo de Creación Literaria en 2014 coa obra en galego ‘O meu pesadelo favorito’.  Os seus libros tradúcense a outras linguas, como castelán, catalán, polaco, portugués, italiano, chinés ou filipino, e foron incluídos en dúas ocasións na prestixiosa lista White Ravens da biblioteca de Múnic, en que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo.

O galardón seralle entregado este sábado, 20 de xullo, durante a celebración da XI Festa da Palabra, na Insua dos Poetas, un espazo situado en Madarnás (O Carballiño) e destinado a fomentar a palabra a e cultura galegas. Estes premios son concedidos pola Fundación Insua dos Poetas, presidida por Luís González Tosar, que desenvolve actividades vinculadas co mundo da cultura, a educación e o medio natural.
    
Na categoría de artes plásticas, o premio desta edición recaeu na profesora María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e numeraria da Real Academia de Belas Artes de Galicia. Na categoría de lingua e cultura galegas na diáspora, o premiado foi o Centro Galicia de Bos Aires, mentres que en imaxe e audiovisual resultou gañadora a Asociación Fotográfica Os Potiños. A Asociación de Veciños da Parroquia de Madarnás, na categoría de acción social; o empresario Manuel Bernárdez Otero, en iniciativa empresarial, e a Cadena Ser do Carballiño, no apartado de medios de comunicación, completan a lista de premiados na edición de 2019.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here