Marta Sánchez, Carlos Núñez, Uxía, Roi Méndez e as orquestras Panorama e París de Noia actuarán na ‘Gala do 25 de Xullo’

0
14

Santiago, 25.07.2021.-     A TVG celebra esta noite o Día de Galicia coa tradicional ‘Gala do 25 de Xullo’, que terá como mestre de cerimonias a Xosé Ramón Gayoso, acompañado nesta ocasión de Noelia Rey, reporteira do ‘Malicia Noticias; Esther Estévez, presentadora do ‘#DígochoEu’, e Alba Mancebo, outro rostro habitual dos programas da TVG. Estas caras coñecidas da canle pública galega encargaranse de conducir un evento que reunirá no escenario unha morea de grandes artistas.

O programa estará dedicado aos novos camiños de comunicación que se abren nas redes sociais e contará coa presenza de streamers e influencers galegos, xente que destaca en TikTok, Instagram, Facebook, Twitter, Twitch… Leti da Taberna, Rafa Durán e Brais Doval son algúns deles.

Este especial musical da Galega contará coa presenza dunha das mellores voces deste país e unha das grandes estrelas da música pop española: Marta Sánchez. A cantante galega leva tres décadas enriba dos escenarios e a súa música será protagonista nesta ‘Gala do 25 de Xullo’.

Tamén se ofrecerán as actuacións de Carlos Núñez, un dos mellores gaiteiros do mundo, considerado un dos grandes intérpretes da música celta a nivel mundial; de Uxía, a gran dama da canción galega, do cantautor portugués João Afonso e do cantante e guitarrista compostelán Roi Méndez, que saltou á fama despois de participar en ‘Operación Triunfo’.

A música galega será tamén protagonista esta noite. Primeiro, coa presenza de Xosé Lois Romero e Aliboria. Este colectivo de novos músicos galegos conxuga os cantos tradicionais de Galicia cunha percusión innovadora e chea de forza. Tamén estarán no escenario o histórico Coro Cantigas e Agarimos e o cantante, bailarín e coreógrafo Xisco Feijoó, que aposta pola música tradicional desde unha ollada contemporánea.

Outras das propostas musicais da noite serán as de Boyanka Kostova, un grupo que experimenta con subxéneros do hip hop, que conectan co trap e coas músicas urbanas actuais, e onde sobresaen unhas letras cheas de retranca galega, e de Momboi, unha banda noiesa que bebe dos ritmos latinos e que fusiona pop, rock e folk.

No escenario estarán tamén Bastards on Parade, banda coruñesa que combina desde hai máis dunha década o punk coas gaitas; Plan Siberia, grupo de pop melódico galego que tamén lle dá cabida á música máis tradicional, mesturando figuras como alalás ou ritmos de muiñeiras con acentos pop-surf, e The Tetas’ Van, grupo, maioritariamente feminino, que realiza versións de clásicos do rock and roll, en inglés e en galego, reivindicando o papel da muller na escena galega.

Nesta festa do 25 de xullo non podía faltar a música das mellores orquestras de Galicia, coa presenza de tres dos seus máximos expoñentes: Panorama, París de Noia e Los Satélites.

Fuente Crtvg.es