Marta Sánchez, Cristina Pato e Astarot, artistas destacados nun ‘Luar’ especial de Reis

0
35

Santiago, 03.01.2020.-  Ás portas da celebración da noite de Reis, o programa ‘Luar’ (22.00 h) será hoxe moi especial, ao ter como convidadas dúas das artistas galegas con maior proxección internacional. Así, o musical da Galega contará hoxe coa presenza dunha das mellores voces deste país e unha das grandes estrelas da música pop española, Marta Sánchez. A cantante galega leva tres décadas enriba dos escenarios e a súa música será protagonista neste primeiro ‘Luar’ de 2020. Tamén Cristina Pato, gaiteira e pianista ourensá residente en Nova York, que gañou un Grammy en 2017, será outra das artistas destacadas da noite.

Os espectadores coñecerán os alumnos do CEIP As Covas e a Banda Unión Musical de Meaño, que interpretarán a canción gañadora do concurso de Nadal da Televisión de Galicia, ‘Saúde e cante o melro’. O grupo de gaitas Os Melidaos ofrecerá no escenario dous temas do seu novo disco, ‘Tribu Nosa’, que viu a luz este verán. A Coral de Pontedeva, a orquestra coruñesa La Favorita, o grupo de percusión Odaiko, a formación de rock Astarot do Morrazo e a veciñanza de Ortoño (Ames) son outros dos convidados dun ‘Luar’ con presenza case plena de artistas galegos.

A representación non galega corre por parte dun colectivo portugués, a Orquestra Típica e Rancho da Secçao de Fado da Associação Académica de Coimbra. Este grupo está composto por estudantes universitarios que representan e defenden o folclore da rexión de Coímbra.

No tempo de ‘Recantos’ estará sobre o escenario Velusa, representante de Portugal Norte, que cantará ‘Corazón contento’, e Os Fanego, recanteiros da Terra Chá, que interpretarán ‘Anduriña’. O humor de Brandariz e Veiga completa as propostas de ‘Luar’ para este venres.

Fuente Crtvg.es