Medra o alcance do servizo público da TVG e a Radio Galega no primeiro trimestre de 2020

0
11

Santiago, 06.04.2020.-    O servizo público que ofrece a CRTVG segue a medrar entre a poboación galega. A primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2020 que corresponde aos meses de xaneiro, febreiro e ata mediados de marzo, coñecida este luns, recolle a mellor cifra de audiencia da historia da Radio Galega, con 212.000 oíntes de luns a venres. Isto supón un incremento do 60% en relación a hai un ano. E se sumamos os datos de Radio Galega e Radio Galega Música, esta cifra sube aos 247.000 oíntes.

Segundo o EXM,  a emisora pública é a primeira de Galicia en share, cun 28,7%, por diante das radios privadas e tamén é líder no consumo por minutos, cunha media de 186 minutos por oínte de luns a venres. Isto é consecuencia do reforzo informativo e dos bos resultados dunha programación próxima á audiencia, na que se pode destacar o liderado nas súas franxas horarias do espazos `Galicia por Diante´ das mañás, e do `Pensando en Ti´ das madrugadas. Como se informaba esta mañá, a emisora pública de Galicia é a que máis medra no contexto da radio xeralista, e recorta significativamente as diferencias coa primeira posición.

Televisión de Galicia, a preferida pola cidadanía

 O EXM publicado este luns sinalaba tamén que a TVG foi a preferida pola cidadanía para entreterse e informarse os sete días da semana neste primeiro trimestre do ano. Cunha cota do 16,7% de luns a venres, foi a que máis medrou das televisións na nosa comunidade e supera en 4 puntos ao seguinte operador. Destacan moi especialmente as faixas informativas, de mediodía e de noite.

Este estudo non reflicte aínda o impacto da crise sanitaria que estamos a vivir, xa que o traballo de campo rematou a mediados de marzo. Nesta excepcional situación creada pola crise sanitaria global, os medios públicos galegos responderon intensificando o seu labor informativo de luns a domingo. Nunha situación sen precedentes, a Radio Galega e a Televisión de Galicia reorganizaron os seus recursos, técnicos e humanos, sempre mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde dos seus traballadores tanto dentro como fóra das súas sedes. Aumentáronse os puntos de directo, abríronse todos os programas ao diálogo coa audiencia e cos principais referentes técnicos e sanitarios da crise.

A CRTVG é consciente da súa importancia como servizo público nestes momentos cruciais. A CRTVG quere salientar nesta comunicación que se fai cada trimestre destes datos, e a pesar destes resultados que, “estes datos, que son previos ao confinamento, son moi especiais e dannos ánimos tamén a todos os que traballamos nos medios públicos de Galicia para seguir ofrecendo o mellor de nós cada día. Sabemos, en todo caso, que non é o momento de felicitarse, xa o faremos con todos vostedes cando remate todo isto, agora é o momento de seguir traballando, de seguir facendo servizo público. Estamos xuntos nisto! Moitas grazas”.

 

 

#Coidémonos   #EstamosXuntosNisto 

Fuente Crtvg.es