Melody celebra 20 anos na música con novas cancións en ‘Luar’, que trae os álbums dos galegos Joel Padín e TNT

0
32

Santiago, 26.02.2021.-  A música máis actual e os sons tradicionais máis festivos son protagonistas un venres máis en ‘Luar’ (21.55 h). Así, o programa da Galega trae esta noite as novas propostas de Melody, coas que a cantante celebra os seus 20 anos na música. A artista sevillana, que se dera a coñecer con ‘El baile del gorila’, interpretará entre outros temas ‘Las cosas del amor’, unha rumba flamenca e positiva coa que a coñecida artista volve situarse no panorama musical.

Desde Vilagarcía chega hoxe Joel Padín, para presentar o seu álbum debut ‘Aughas mortas’, un proxecto que se compón de 13 pezas tradicionais recollidas polo gaiteiro Carlos Rey e interpretadas por Padín, entre outros músicos. Padín, con só 15 anos, é xa coñecido pola audiencia da Galega tras proclamarse gañador hai uns anos do concurso infantil ‘Pequenos fenómenos’.

O redondelán Tanto Nos Ten (TNT) Música Tradicional Furtiva presentará esta noite en ‘Luar’ o seu novo traballo ‘Cortando fíos’. Este grupo folk, que converte nunha festa cada unha das súas actuacións, combina no seu repertorio temas propios con cancións populares, amais de mesturar pasodobres, muiñeiras, rumbas e outros ritmos bailables, que dan nome ao que a agrupación denomina música tradicional furtiva.
    
O versátil artista ourensán Christian Escuredo e o tamén artista e membro do xurado de ‘Recantos’ Manuel DeAndrade subirán hoxe ao escenario para interpretar a dúo ‘Ti cambiarás’. Amais, contarase coas intervencións da orquestra Los Player’s, da canguesa Charanga Trébede e da agrupación Abeleiras.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán paso, amais, a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Chiña, en representación de Noia-Barbanza, e Fernando Hernández, de Terras da Coruña. Unha edición máis, Gayoso intentará que algún espectador sexa quen de facerse cos 2.500 euros do concurso telefónico. Completa o elenco de convidados o humor dos cómicos Paco e Pepe e os 3 Litos.

Fuente Crtvg.es