Membros da organización frisoa DINGtiid visitan a CRTVG para recadar datos sobre a realidade sociolingüística galega

0
2

Santiago, 23.01.2020.-    Membros da organización frisoa (Países Baixos) DINGtiid visitaron este xoves a CRTVG, no marco dunha viaxe de estudo para recadar datos sobre a realidade sociolingüística de Galicia. Ademais dunha visita polas instalacións da Televisión de Galicia e a Radio Galega, guiados pola xefa de Responsabilidade Social e Asesoramento Linguístico, Marta Fernández, e pola xefa de Extensión Audiovisual, Alba Mancebo, este grupo coñeceu os estudios da canle pública.

Acompañados dunha intérprete e de Gregorio Ferreiro, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coñeceron as instalacións da CRTVG o vicepresidente de DINGtiid, Hanny Elzinga; os membros do comité executivo Freddy Weima e Hedzer Klarenbeek; a asesora técnica Anne Popkema; o responsable de comunicación, Froukje Sijtsma, e a secretaria da organización, Tjallien Kalsbeek.

DINGtiid é o órgano consultivo para idioma frisón dos Países Baixos, onde en 2014 se implementou unha lei para protexer e promover esta lingua. Oito dos seus membros están estes días en Galicia para informarse do labor e función dos principais organismos e institucións galegos máis directamente implicados no proceso de promoción e revitalización social da lingua galega. Para a delegación frisoa foi de grande importancia coñecer de primeira man o papel que os medios de comunicación públicos galegos representan neste labor.

Ademais de visitar a CRTVG, a organización entrevistarase coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e cos presidentes ou directores de institucións como a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega e o Centro Autonómico de Innovación e Formación.

Fuente Crtvg.es