Motor, traiñeiras, hípica e balonmán júnior integran a oferta deportiva da G2 para esta fin de semana

0
3

Santiago, 19.07.2019.-    Intensa fin de semana deportiva a que ofrecerán esta fin de semana os medios públicos galegos, con motor, traiñeiras, hípica e balonmán júnior como principais atractivos. A primeira cita será o sábado ás 16.30 h. na G2 e na web da CRTVG, co último tramo do Rally de Ferrol, que se ofrecerá dentro do programa ‘Todo Motor. Trata de Arrancalo’.

O Campionato de España de Rallys de Asfalto chega ao seu ecuador coa disputa da 50ª edición da proba ferrolá, un reto para os pilotos e mecánicas polo seu trazado esixente e difícil.

A continuación, a iso das 18.00 h., será o momento para as traiñeiras, coa disputa da Bandeira Orio Kampina. En primeiro lugar, disputarase a proba feminina, correspondente á Liga Euskotren, e despois a masculina, da Liga Eusko Label. Por segundo ano, ambas as dúas regatas disputaranse no mar, tras varias edicións realizándose nas augas do río Oria. As embarcacións anfitrioas lideran a clasificación nas dúas categorías.

O remo será a primeira cita deportiva en directo do domingo, cando a tanto a G2  coma a web da CRTVG ofrecerán, ás 11.40 h., a Bandeira Ayuntamiento de Sestao.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 h., será o momento da hípica, xa que os espectadores da segunda canle da Galega e os usuarios da web poderán ver o G.P. Caixabank, o broche de ouro ás tres intensas xornadas de competición da 38º edición do Concurso de Saltos Internacional da Coruña, que esta fin de semana se celebra no Centro Hípico Casas Novas, en Arteixo.

Xinetes de 18 países compiten neste concurso, con Diego Ramos e Gonzalo Añón como principais bazas galegas. O primeiro acaba de proclamarse campión de Europa por equipos en Holanda e o segundo é un habitual do podio e será o único representante galego nas probas máis importantes do evento.

A xornada deportiva rematará ás 21.00 h. na G2 co partido España – Xapón correspondente ao Campionato do Mundo Júnior de Balonmán, que estes días se celebra en Pontevedra e Vigo. Trátase do cuarto partido da fase de grupos para a selección española, defensora do título conseguido hai dous anos, que comezou a competición goleando a Estados Unidos e que rematará esta fase enfrontándose a Eslovenia.  

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here