Música e diversión en ‘Luar’, esta noite, con King África, Alazán e Dúo Vaguedades

0
10

Santiago, 24.6.2022.-   O arxentino King África irrompe este venres en ‘Luar’ (21.55 h) para encher de festa a edición desta xornada festiva. Neste programa da Galega, en que teñen cabida todo tipo de ritmos, proporase un cambio de rexistro para gozar da música de Sara e Encarna Salazar, as intérpretes de Alazán. O coñecido dúo de irmás interpretará dous dos seus éxitos musicais, entre os que presentarán o novo remix do seu tema ‘Alcanzarás la luna’, co que venderan máis de 50.000 copias e fora disco de ouro.

‘Luar’ recibe tamén esta noite o Dúo Vaguedades, formado por Isabel Risco e Fran Rei, unha proposta musical divertida para as nosas festas e romarías, que reivindica coas súas letras a galeguidade e a universalidade da nosa lingua.  

O cantante mazaricano Christian Pensado, exrecanteiro da tempada 2016/17 do programa, interpretará o recente éxito de Marlon, ‘De perreo’, un tema fresco, actual e moi pegadizo. Precisamente, esta noite despediranse de ‘Recantos’ catro concursantes e outros catro clasificaranse como semifinalistas do certame, que encara a súa recta final. E como é costume, os presentadores Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán paso unha nova edición de ‘Recantos’, con Dan Ale (A Mariña) e Iván Pérez (Ourense sur) en competición.

Completan o elenco artístico da presente edición de San Xoán: o célebre Luis Queimada, a orquestra Arkadia e a agrupación Brétema da Casa Galega de L’Hospitalet.

Por último, as personaxes Campos e Crespo, Lisardo, Paco Liña, e Lauren e Sabela achegarán os números de humor da velada, mentres que o bote do concurso telefónico parte hoxe con 15.500 euros.

Fuente Crtvg.es