Na edición desta semana de ‘Clac’, os espectadores da G2 poderán ver e saber máis detalles da película ‘Sicixia’

0
31

Santiago, 26.11.2021.-   ‘Sicixia’, o filme que se proxectará esta semana no programa ‘Clac’ (22.50 h) da G2, supuxo unha novidade no audiovisual galego dentro do que se deu en denominar ‘etnoturismo de ficción’. Rodado na Costa da Morte, retrata un inigualable patrimonio mesturando ficción e realidade.

As xentes desa terra adquiren protagonismo en numerosos retrincos da película, enxertados na historia de xeito sublime. O audio, das paisaxes ou das voces, é o fío condutor dunha historia de amor e da perda do control.

Coa vontade de chegar a todos os públicos, ‘Sicixia’ foi proxectada no seu momento en sesións de verán ao aire libre, auditorios, centros de ensino e asociacións. Coa mesma dinámica, pero coas dificultades impostas pola pandemia, o director Ignacio Vilar está facendo o mesmo con ‘María Solinha’, incluso na modalidade do autocine. As inquedanzas persoais reflectidas nas súas películas e a teima ante as dificultades converten a este director nun caso particular.

No faladoiro previo á proxección do filme, o espazo presentado por Tania F. Lombao contará esta noite coa presenza de Ignacio Vilar, que contará a orixe da historia de ‘Sicixia’, as súas pretensións arredor do audio e tamén a incorporación dos mitos da Costa da Morte, eixe da película.

Tamén estará no estudio a actriz Marta Lado, que explicará a importancia da toma de decisións por parte do seu personaxe, nunha mostra da loita diaria da muller por conseguir independencia. Tamén destacará o uso dos sotaques da lingua galega no filme. Ademais, como é habitual, o coloquio contará coa participación de Eduardo Galán, experto en cinema dos medios públicos galegos.

Fuente Crtvg.es