Na fin de semana máis festeira, ‘Vaia troula’ achega unha grande escolma de celebracións por toda Galicia

0
39

Santiago, 14.8.2022.- Este domingo á noite chega á Televisión de Galicia unha nova edición do festeiro ‘Vaia troula’ (23.15 h). Nesta ocasión, a presentadora Noelia Rey viaxará aos concellos de Arbo e Avión para gozar da Festa da Lamprea Seca e a Festa Mexicana. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana. Hoxe, o ‘Vaia troula’ ofrecerá unha grande escolma de celebracións nunha das fins de semana de máis actividade trouleira do ano.

Pola súa banda, a reporteira Belén Vara irá ao Desfile de Bandas Mariñeiras da Guarda. Trátase dun dos puntos fortes das súas famosas e multitudinarias Festas do Monte.

Adela Bértolo estará na Festa do Mexillón de Aguiño, en Ribeira, onde haberá centos de quilos do delicioso molusco e tamén música tradicional.

E Alba Lea viaxará a Cervo para ser unha máis na espectacular Festa da Maruxaina, celebración chea de música e cor, en que a protagonista é unha serea que vai ser xulgada polos veciños.

O programa tamén dará boa mostra das festas de Escairón, no Saviñao, da exaltación dos ovos con chourizo de Nigrán e da Festa do Polbo do Carballiño. O menú trouleiro desta edición complétase coas festas de Santa María de Vigo, en Cambre, o divertido ‘Aquí cántase’ de Pontevedra e a Festa do Mexillón de Chapela, en Redondela.

E para que non falte de nada, ‘Vaia troula’ ofrecerá a actuación da orquestra Cinema.

Fuente Crtvg.es