Nadal de reencontros, música, humor e moitas sorpresas na Televisión de Galicia

0
9

Santiago, 20.12.2019.-    A retransmisión do Sorteo da Lotaría de Nadal será, como todos os anos, o punto de arranque da programación especial da Televisión de Galicia para o Nadal, co agardado regreso de Xosé Manuel Piñeiro á Galega e o primeiro programa que fan conxuntamente a TVG e a televisión pública asturiana. Ademais, Roi e Sabela, de ‘Operación Triunfo’, presentarán a Gala de Fin de Ano xunto a Gayoso, que, para as badaladas, estará acompañado de Arturo Fernández e da candidata ao Goya Benedicta Sánchez.

Este sábado, Xosé Manuel Piñeiro volve á casa para presentar ‘Pequenos Fenómenos’, concurso musical infantil, que se desenvolve en tres galas consecutivas e en que 16 rapaces procedentes de toda Galicia competirán e sorprenderán a audiencia coas súas artes interpretativas.

Os nenos e nenas tamén serán protagonistas dunha serie de programas especiais do concurso das sobremesas da TVG ‘Coma un Allo’, que, como vén sendo case unha tradición, despedirá o ano dirixindo os seus contidos aos máis pequenos da casa. Do  23 ao 27 de decembro, alumnos de varios colexios galegos xogarán durante cinco programas para ver que rapaz acada máis puntos e consegue levar o agasallo máis especial.

O domingo, desde as 08.15 h da mañá, a TVG ofrecerá en directo o Sorteo da Lotaría de Nadal, cun operativo especial que cubrirá toda Galicia na busca de posibles agraciados pola fortuna.

En vésperas do Nadal, os ‘Larpeiros’ da TVG van preparar o vindeiro luns un auténtico menú de festa, con panxoliñas e moito humor. Unha semana despois, o 30 de decembro, repetirán con outro programa especial para despedir o ano, en que, coa presenza como convidada da cantante Pili Pampín, os espectadores poderán tomar boa nota de suculentas propostas para a cea de Noitevella.

A Noiteboa na Galega será a máis falcatrueira da televisión, unha velada diferente e chea de humor, con Roberto Vilar acompañado, nunha edición especial de ‘Land Rober’, de María Castro e Luís Zahera, que se meterá na pel do Joker, iso si, en versión galega.

O día de Nadal, os espectadores serán testemuñas dun feito histórico, xa que a TVG e a Televisión do Principado de Asturias emitirán conxuntamente e en horario de máxima audiencia ‘Benvidos – Bienllegaos’, unha edición especial do programa ‘Inimitables’, que será a primeira produción realizada por ambas as dúas canles autonómicas. Desde Ribadeo, os presentadores Arturo Fernández, por parte da televisión pública galega, e Sonia Fidalgo e Alberto Rodríguez, por parte da asturiana, conducirán unha divertida velada que afondará nos puntos en común entre os dous pobos, indagando especialmente na vertente musical desta irmandade.

Os ex-concursantes galegos de ‘Operación Triunfo’ Roi e Sabela serán este ano os encargados de presentar xunto a Xosé Ramón Gayoso a Gala de Fin de Ano, que contará coas actuacións dos artistas do momento, como Rosa, Soraya, Tamara, Ricky Merino, Bombai, Gemeliers, Festicultores e Heredeiros da Crus, entre outros.

E, para as badaladas, estarán xunto a Gayoso na praza do Obradoiro o presentador do novo programa da TVG ‘Malicia Noticias’, Arturo Fernández, e a candidata aos Goya Benedicta Sánchez, que, con 84 anos, opta ao premio á mellor actriz revelación polo seu papel na premiada película de Oliver Laxe ‘O que arde’.

O 5 de xaneiro, pola tarde, como é tradición, a canle autonómica galega, ofrecerá en directo a Cabalgata de Reis, este ano desde A Coruña. Tamén se establecerán conexións cos desfiles das principais cidades do noso país, nunha cita coa que comeza a noite máis máxica do ano para os nenos e nenas.

Ese mesmo día, pola noite, chega ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, unha gala, presentada por Paco Lodeiro, en que oito dos cantantes que participaron durante o verán no concurso para atopar o mellor intérprete das orquestras galegas, actuarán coas súas familias, non profesionais da música. Neste programa especial da TVG para a Noite de Reis non faltarán as sorpresas, tanto para o público coma para as propias familias.

Fuente Crtvg.es