Nena Daconte e Pili Pampín porán a música no ‘Bamboleo’ deste sábado

0
16

Santiago, 27.02.2021.-   ‘Bamboleo’ (22.05 h) prepara para este sábado unha proposta moi entretida. Xosé Manuel Piñeiro contará nesta ocasión coa presenza de Nena Daconte, nome artístico da cantante madrileña Mai Meneses, que triunfara co éxito ‘Tenía tanto que darte’, un bombazo que interpretará sobre o escenario de ‘Bamboleo’.  Ademais presentará un novo sinxelo, ‘Hojas secas’, en que mestura pop con música electrónica, mentres prepara o seu próximo lanzamento discográfico.  

Tamén formará parte do espectáculo desta noite a cantante Pili Pampín, que levou e leva o nome de Galicia e as súas cancións polos escenarios de medio mundo. Hoxe interpretará entre outros, unha mesturanza dos seus temas máis recoñecidos.

Os colaboradores veñen con ganas de meter en apuros as dúas artistas, que competirán no ‘Sobes ou Baixas’ e nos xogos do programa. Tamara Pérez, Claudio Pan, Javi Varela e Damián están dispostos para todo e ese todo inclúe encontrarse con algunha trasnada do furacán de Arca: Isi.

Ademais, a orquestra La Favorita traerá a festa ao estudio de ‘Bamboleo’ cunha selección de temas moi verbeneiros, mentres que no ‘Dirtidansi’ os espectadores verán dúas exhibicións de jive e rumba-bolero a cargo dunha parella de bailaríns de Teo, campións do mundo: Manel e Bea.

Na sección musical do ‘Agora ou Nunca’ os participantes serán Nerea Iglesias e José Manuel García, que pasarán polo escenario para cantar ‘Proud Mary’, de Tina Turner, e ‘Solo te pido’, de Manolo Escobar.

O karaoke de ‘A Jrileira’ contará coa participación dos clubs deportivos Santiago Black Ravens e Voleibol Calasancias Coruña. Miguel e Jaime, representantes de ambas as dúas entidades, cantarán ‘Amante Bandido’, de Miguel Bosé, e adiviñarán intérpretes coa axuda de compañeiros.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, Ainara xogará contra Julián e tres amigas para intentar adiviñar quen é a súa parella e facerse co premio. Todo é posible na proba máis picante do programa, en que o falar non ten cancelas.

Fuente Crtvg.es