Nenos de primaria do CEIP As Pontes coñeceron como traballa un xornalista dentro da «Semana da Prensa»

0
32

O xefe de informativos da Radio Galega, Alejandro López, contou aos alumnos de Primaria como se fai unha noticia e en que consiste ser reporteiro ou locutor 

Nenos de primaria do CEIP As Pontes coñeceron como traballa un xornalista dentro da "Semana da Prensa"

Santiago, 12.03.2021.- A CRTVG participou este venres de maneira activa na Semana dos Medios do CEIP As Pontes (A Coruña) con tres intervencións virtuais nas que os pequenos coñeceron que é un informativo ou como traballa un xornalista de radio e televisión. 

Alejandro López, xefe de informativos da RG, conectou neste centro escolar con varios grupos de alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os cinco e oito anos. Con moito bo humor e moitas anécdotas, e empregando os seus programas favoritos e os debuxos do Xabarín Club como gancho, os pequenos contaron o que saben, e participaron moito nunha conversa na que o uso da tecnoloxía nas aulas permitiu levar adiante esta actividade.

A CRTVG sempre intenta atender, na medida do posible, as peticións dos centros de ensino galego, xa que considera fundamental achegar á sociedade o funcionamento dos medios de comunicación e fomentar o uso da lingua galega. Neste último ano, as visitas escolares aos centros da CRTVG tiveron que ser suspendidas pola situación socio-sanitaria.

Fuente Crtvg.es