Santiago, 12.06.2023.- ‘No carro da música’ é o novo programa da TVG para as súas canles dixitais, un formato nativo de redes sociais e para redes sociais con entrevistas a bandas e artistas emerxentes que cantan en galego, todos eles escollidos pola súa importante presenza no novo panorama musical.
Logo do auxe nos últimos anos de grupos galegos como, entre moitos outros, Grande Amore, Ortiga, Verto ou Caamaño & Ameixeiras, que xa pasaron polos contidos dixitais da Televisión de Galicia no seu formato ‘Videoselfie’, desde esta semana ‘No carro da música’ recollerá a nova vaga de cantantes e grupos que están facendo música na nosa lingua. Con esta proposta, a TVG diríxese á audiencia máis nova, cunha coidada estética, en que predominan as cores vivas e divertidas, e unha linguaxe axustada ao consumo das redes sociais. Creado por Clara Rial, como presentadora, e Xulia Lomba, como directora, o programa está feito por e para a xeración Z.
Tras a estrea do capítulo cero o venres, este luns pola tarde publícase a primeira entrevista. Nela, Clara acudirá á Facultade de Comunicación da USC para falar con Mondra, un músico multidisciplinar cuxo proxecto conforma toda unha experiencia musical, visual e performativa que establece un diálogo sen prexuízos coa música tradicional galega.
Fuente Crtvg.es