No especial ‘Luar: canto te boto de menos’, a TVG recupera a auténtica esencia do programa, coa música, o baile, a ledicia e a emoción

0
13

Santiago, 10.04.2020.-   “O día que non haxa ‘Luar’… iso si que nos vai  preocupar”. Estas semanas puídose escoitar ou ler esta chiscadela, pero un día mudou todo e a realidade teimuda quixo que este Venres Santo de 2020, por primeira vez non se faga o ‘Luar’.

Estes últimos venres o programa seguiu estando aí, acompañando e aconsellando na medida do posible,  pero hoxe a TVG vai recuperar a esencia do auténtico ‘Luar’, o da música, a festa, o baile, a emoción e a ledicia, porque nestas circunstancias todos pensamos o mesmo: ‘canto boto de menos o Luar!’

As actuacións dos mellores artistas enchendo o escenario, a forza da tradición musical galega,  o humor -que non falte nunca-, a festa rachada coas mellores orquestras do mundo e as novas voces con todo o futuro por diante. Todo isto é ‘Luar’, que esta noite incluirá algunhas das mellores actuacións musicais que pasaron polo escenario nos últimos meses, desde Paloma San Basilio a María Jiménez, desde os grandes éxitos de Raúl ás cancións inesquecibles de Andrés Do Barro interpretadas por Xosé Manuel Piñeiro

Ademais de música, este especial ‘Luar’ contará tamén co humor de moitos dos colaboradores habituais do programa, como Cuqui, Alberte Montes e o dúo formado por Brandariz e Veiga. As mellores orquestras, a música tradicional e as actuacións máis sorprendentes completan un programa especial coas seccións habituais do ‘Luar’ auténtico.

Fuente Crtvg.es