No ‘Larpeiros Social Club’ preparan hoxe receitas propias do Entroido: lacón con grelos, filloas, orellas e bica

0
8

Santiago, 03.03.2020.-  Hoxe, no ‘Larpeiros Social Club’ (22.30 h), prepararán algunhas das receitas que mellor representan o Entroido galego, o período festivo que precede a Coresma e que estes días pasados, como cada ano, se viviu intensamente en Galicia. Son datas que anticipaban tradicionalmente a ‘despedida da carne’, xa que logo deste tempo de ‘excesos cárnicos’ chegaban outros non tan excesivos.

En Galicia, país carnívoro por excelencia, as datas de Entroido foron tradicionalmente as propias dos cocidos ou as laconadas. Xa se sabe, desde as orellas ata o rabo, todo é porco! Esta festa popular é a primeira que se celebra logo das matanzas e isto xustifica que sexa o porco o rei da gastronomía do Entroido: cacheiras, chourizos, androllas, botelos…

Para acompañar as comidas de Entroido tamén se elaboran lambetadas propias destas datas, que moitas veces empregan tamén parte do porco na súa elaboración. Así, hai vinchas ou bandullos con recheos doces ou filloas de sangue.

Benigno Campos será o encargado de facer un lacón con grelos como mandan os libros e pediralle a Merchi que vaia buscar os grelos, quen viaxará ata A Baña para apañalos no nabal de Pilar. Antes de volver ao club, fará filloas á pedra con Carmen, unha experta neste asunto.

Pola súa parte, Begoña preparará bica de folla, típica da zona de Verín. E Lola completará a sobremesa facendo a súa famosa receita de orellas. Por suposto, non faltarán risas, boas conversas e moita música.

Fuente Crtvg.es