No seu regreso, o programa de diálogo e reflexión ‘As Luces’ xunta este luns na G2 a escritora Concha Blanco e o presentador Rodrigo Vázquez

0
13

Santiago, 11.10.2021.-    A reflexión e a conversa sosegada volven este luns á Televisión de Galicia co programa ‘As Luces’, que, presentado e dirixido por Xosé Carlos Caneiro, comeza unha nova temporada na G2.

O espazo volveralles dar a palabra a persoas populares e relevantes da sociedade galega para falar sobre diversos aspectos da vida, cuestións que non sobresaen entre os temas da actualidade no día a día, senón que forman parte da súa filosofía vital, como os soños, as aspiracións persoais e profesionais ou os fracasos.

Nesta primeira entrega, dialogarán fronte a fronte o xornalista Rodrigo Vázquez, presentador do programa da TVG ‘Quen Anda Aí?’ e recoñecido dúas veces co Premio Mestre Mateo a mellor comunicador de televisión, e a mestra e escritora Concha Blanco, que ten cativado varias xeracións de homes e mulleres que un día foron nenos e autora tamén de guías pedagóxicas referenciais para a educación galega.

De entrada, son dúas persoas distantes nas súas ocupacións e momentos vitais, pero con puntos en común nas súas maneiras de ver a vida. Ambos manterán unha conversa sobre cuestións polas que comparten interese e baseadas nas súas propias experiencias.

Pola súa parte, o escritor e xornalista Xosé Carlos Caneiro descubrirá facetas pouco coñecidas dos convidados, ao tempo que suscitará unha conversa con propósito divulgativo sobre os máis variados ámbitos de coñecemento.

Fuente Crtvg.es