Noite de estreas musicais en ‘Luar’, cos novos traballos de Andy y Lucas e Xabier Díaz e Antía Muíño

0
20

Santiago, 20.5.2022.-   O músico Xabier Díaz é un dos artistas con máis protagonismo esta noite en ‘Luar’ (22:00 h). Díaz achegará algunhas das súas cancións máis recentes, como son os primeiros sinxelos do seu novo disco: ‘Levantarse e caer’. Entre eles, presentará ‘María e a curuxa’, tema para o que conta coa voz da compostelá Antía Muíño, nova musa da canción galega que colabora neste álbum.   

Tamén o coñecido dúo gaditano Andy y Lucas regresa este venres ao programa para amosarlle á audiencia galega, entre outros temas, o primeiro avance do seu novo traballo, o sinxelo ‘Me estoy volviendo loco’, onde se recoñece o seu persoal e característico estilo de pop aflamencado que marcou tendencia a principios dos anos 2000.

A brasileira Regina dos Santos volve tamén a ‘Luar’ coa súa enerxía desbordante e coa súa arte para interpretar algunhas das súas cancións máis actuais. Amais, a sevillana María Vidal achegará unha mostra do seu flamenco e o programa contará coas variadas propostas musicais do Grupo Puzzle, A Tajea, o Orfeón Colexiata do Sar e a Banda de Gaitas do Bolo.  

Finalmente, Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán paso unha nova edición de ‘Recantos’, con Iván Pérez (Ourense Sur) e Jennifer Cambón (Terras de Ordes) en competición. O bote do concurso telefónico parte hoxe con 13.000 euros.

Fuente Crtvg.es