Noite de humor refrescante no ‘Land Rober Summertime’, cos televisivos Moncho Lemos, Mariló Montero e Sara Escudero

0
15

Santiago, 14.7.2022.-  Roberto Vilar, Eva Iglesias, Miguel Canalejo e Víctor Fábregas farán rir ás gargalladas os espectadores un xoves máis, poñéndose á fronte dos tolos sketchs do ‘Land Rober Summertime’. Para refrescar con humor a noite, o equipo do programa contará coa divertida participación de profesionais dos medios de comunicación tan coñecidos, como son Moncho Lemos, Mariló Montero e Sara Escudero.

Moncho Lemos, o crítico musical e de cine da Televisión de Galicia e a Radio Galega, meterase esta noite na pel do médico Ramiro, que deberá armarse de paciencia ao ser moi cuestionado polo matrimonio de mariscadores do programa.

Pola súa parte, a coñecida presentadora e xornalista Mariló Montero vai participar nunha voda moi aristocrática e un tanto revirada no pazo de Meirás, onde Pepe e Antonia van ir tamén como convidados. Amais, o presentador Roberto Vilar aproveitará o sentido do humor e os coñecementos da actriz, cómica e presentadora Sara Escudero para poñela a proba cunha serie de fotos de famosos e as súas mascotas.

Por se fose pouco, a edición de verán de ‘Land Rober’ incluirá outros momentos divertidos, como o protagonizado pola alcaldesa de Traspazos, que recibirá un representante da UE; o príncipe saudita Omar irá buscar o amor ao ‘Primeiras citas. U.K. edition’, e a raíña Isabel II celebrará os seus 70 anos no trono. E finalmente desenvolverase unha ocorrente edición da sección ‘Estarán casados ou divorciados?’.

Fuente Crtvg.es