Noite de música e diversión en ‘Bamboleo’, coas actuacións de María Villalón e Jorge González

0
11

Santiago, 20.02.2021.-   A noite do sábado é noite de ‘Bamboleo’, de música e de diversión. Xosé Manuel Piñeiro recibirá hoxe a visita de dous convidados: María Villalón e Jorge González, artistas que se deron a coñecer despois de participar en programas de talentos musicais, candidatos a representar a España no festival de Eurovisión e gañadores dun famoso concurso de imitacións.

‘Desde Ayamonte hasta fado’ é unha recompilación de coplas, fados, flamenco e cantes ibéricos cos que María Villalón regresa ás súas orixes e non para de recoller éxitos. Jorge González, pola súa parte, acaba de presentar o seu último tema, titulado ‘Hasta que llueva’, en que transmite unha mensaxe de traballo e sacrificio. Os dous artistas interpretarán os seus éxitos sobre o escenario de ‘Bamboleo’ e participarán dos xogos que cada semana preparan os colaboradores do programa.

A orquestra Los Satélites traerá ao estudio a esencia da verbena galega, mentres que no ‘Dirtidansi’, Kike e Nahir, parella de especialistas en bachata, realizarán dous fantásticos números de baile e contarán as súas experiencias sobre os escenarios.  

Toñi Rivas e David Junco serán os participantes da sección ‘Agora ou Nunca’, en que interpretarán os éxitos ‘Te vas’, de Américo e ‘Dos hombres y un destino’, de David Bustamante.

No karaoke de ‘A Jrileira’ participarán dous representantes de entidades deportivas: Roi, polo Club Ciclista Compostelán Muebles Compostela, e Héctor, pola Agrupación Deportiva Judo Ferrolterra. Roi e Héctor cantarán o tema ‘La flaca’, de Jarabe de Palo, e adiviñarán intérpretes de cancións, axudados por dous compañeiros de club.

Mentres Tamara e Claudio meten os convidados en compromisos cos seus xogos, con Isi chegarán as risas e as vivencias máis divertidas. Cara ao final, na ‘ITV do Amor’ unha parella de namorados e os seus amigos intentarán confundir unha participante que chegará coa ansia de arrebatarlles o premio que hai en xogo.

Fuente Crtvg.es