‘Non lle chames amor’, a nova e atrevida aposta da TVG para os mércores á noite, achegará conversas sobre sexo

0
43

Santiago, 21.09.2022.-    Este mércores chega á pantalla da TVG unha das principais novidades da programación para este outono: ‘Non lle chames amor’ (23.15 h), un programa atrevido e divulgativo sobre sexo. Presentado pola psicóloga e sexóloga Raquel Graña, este talk show diferente buscará a empatía, a tenrura e a risa cómplice a través dun formato interxeracional que sirva para escoitar a realidade do sexo.

A bordo dunha limusina, ‘Non lle chames amor’ percorrerá Galicia para falar desde lugares tan dispares como un campus universitario, o aparcadoiro dunha antiga discoteca, un festival de música, as portas dun bar, un estadio de fútbol, un polígono industrial, etc. Desde eses lugares conversarase sobre emocións, sobre sentimentos e sobre sexo.  

Cada programa terá un tema principal e tres convidados que subirán á limusina para contar as súas vivencias amorosas e sexuais, coas que tanto os protagonistas coma os espectadores pasarán un momento tremendamente divertido. Serán conversas interxeracionais que racharán cos estereotipos da idade, cada un desde a súa perspectiva dunha época, un lugar, un estado civil ou un estilo de vida.
    
Na primeira entrega de ‘Non lle chames amor’ definirase con claridade o concepto de orientación sexual, diferenciándoo do que é identidade sexual. Para iso, a presentadora viaxará ata a Mariña Lucense, onde coñecerá a Carlos, todo un conquistador, que falará do número de relacións que mantivo ata o momento. Será tan experto como di en temas sexuais?

Ademais, Concha e Cristina, separadas por case medio século, achegarán as súas visións e experiencias arredor do sexo desde as súas respectivas idades. E a audiencia tamén coñecerá a Javi, unha persoa moi especial. Tanto que vale por dúas! 

Fuente Crtvg.es