#NonMiresXoga, a campaña de deporte inclusivo da CRTVG, nomeada boa práctica polo Pacto Mundial das Nacións Unidas

0
5

Santiago, 03.12.2019.- O Pacto Mundial das Nacións Unidas sinalou a campaña de Responsabilidade Social Corporativa #NonMiresXoga, posta en marcha pola CRTVG no mes de abril, como boa práctica no marco do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra cada 3 de decembro. Este ano esta celebración desenvólvese co lema “Apoderar as persoas con discapacidade e garantir a súa integración e igualdade”. Desta forma, Nacións Unidas cumpre coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, que se compromete a “non deixar a ninguén atrás” e considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implantación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

#NonMiresXoga foi unha das catro campañas de RSC que a Corporación de Radio e Televisión de Galicia desenvolveu neste 2019 baixo a estratexia #AcciónsG. Esta campaña levouse a cabo entre o 1 e o 7 de abril de 2019 e amosou a capacidade do deporte para unir persoas, romper prexuízos e chamar a atención sobre a igual capacidade de todos/as por compartir tempo de ocio e deporte.

#NonMiresXoga consistiu nun spot de televisión e nun microsite que recolle vídeos, testemuños e ligazóns de interese a institucións e asociacións do eido da discapacidade e a acción social. Ademais, a CRTVG organizou un partido de fútbol mixto pola integración social e a igualdade entre traballadores/as da CRTVG e xogadores do RC Deportivo Genuine da Coruña; e un programa de radio, ‘Convivir Deportivo’, en que se narraron historias de integración dos xogadores/as e as súas familias.

A CRTVG é desde decembro de 2011 socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas, co compromiso de potenciar a responsabilidade social corporativa a través da incorporación ás accións cotiás da Corporación de dez principios básicos de conduta homologados en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio natural e loita contra a corrupción.

Fuente Crtvg.es