Nova fin de semana de traiñeiras na G2, que tamén retransmitirá o Rally de Ourense e o GP de Holanda do Mundial de Motocrós

0
12

Santiago, 16.07.2021.-    O verán avanza e tamén a Liga ACT de traiñeiras, competición da que esta fin de semana se disputarán dúas novas regatas, das que os espectadores da G2 serán testemuñas en directo.

Orio será o sábado, a partir das 18.00 h, o primeiro escenario desta nova xornada da Eusko Label Liga, coa disputa da Bandeira Orio Kanpina IX. A localidade guipuscoana albergará unha apaixonante proba, coa competición e a rivalidade en todo o alto. Como vén sendo habitual nos últimos anos, o campo de regatas será en mar aberto, situado xunto ao espigón exterior. As quendas están divididas segundo a clasificación xeral, polo que na primeira vogarán Zarautz, Tirán, Ares e Lekitarra. Na segunda quenda participará a traiñeira local xunto a Cabo da Cruz, Ondarroa e a gañadora da temporada pasada, Bermeo Urdaibai. Por último, na quenda de honra estarán as catro primeiras tripulacións da clasificación: Donostiarra, Zierbana, Hondarribia e Santurtzi.

O domingo, a cita coas traiñeiras será a partir das 11.30 h, cando comeza a proba feminina da Ikurriña de Getxo. Ás 12.00 h será o momento da regata masculina. As 16 embarcacións das Ligas Euskotren e Eusko Label vogarán no porto vello de Getxo, nunha cita que se converteu xa nun clásico da competición, xa que está no calendario da ACT desde 2006. As quendas para esta regata estarán formadas en base á clasificación da xornada anterior en Orio.

Ademais das traiñeiras, o motor tamén será protagonista esta fin de semana na programación deportiva dos medios públicos galegos. Así, o sábado, ás 12.30 e ás 17.00 h, ofreceranse senllos tramos do 54º Rally de Ourense. A edición de 2021 chega con tres pilotos con opcións claras de facerse co triunfo na proba. Case nun calco do sucedido a temporada pasada, José Antonio Suárez, Iván Ares e Jan Solans son os principais favoritos para engadir a roda de afiar á súa balda de trofeos.

E o domingo, ás 16.00 h, retransmitirase en directo a segunda carreira do Gran Premio de Holanda, a cuarta proba do Mundial de Motocrós. Na area de Oss, o lucense Jorge Prado intentará mellorar a súa quinta posición na xeral do mundial. Despois de rematar sétimo en Rusia e quinto en Gran Bretaña, na última xornada concluíu o Gran Premio de Italia en cuarta posición, a un paso do podio.

Fuente Crtvg.es