Nova proba do Campionato do Mundo de Motocrós, este mércores, en directo, na G2

0
6

Santiago, 11.08.2020.-  A G2 ofrece este mércores, en directo, as cuartas probas de MXGP e MX2, correspondentes ao Campionato do Mundo de Motocrós, que regresou a fin de semana pasada a Letonia tras unha parada de 5 meses pola Covid-19. O xornalista Roberto Prado comentará para os espectadores galegos ambas carreiras internacionais.

Para esta nova cita, o MXGP Riga reunirá, ás 12.00 horas, os mellores pilotos do mundo no Motocenter Zelta Zirgs de Kegums, situado preto da capital letoa. O lucense Jorge Prado, o campión do Mundo de MX2 en 2018 e 2019, acadou a sétima posición no seu regreso ás pistas e ocupa a novena praza na clasificación xeral de MXGP, a máxima categoría do motociclismo internacional, que encabeza o holandés Jeffrey Herlings.

Tamén a partir das 15.00 horas, poderase seguir en vivo pola segunda canle da Galega a proba de MX2, coa intervención do vigués Rubén Fernández, que acadou no Gran Premio de Letonia da pasada fin de semana o seu mellor resultado no que vai de mundial e rematou nun cuarto posto.

A Galega é a única televisión no ámbito estatal que está ofrecendo, en aberto e de xeito íntegro, toda a espectacularidade deste mundial. Con esta emisión, os medios públicos galegos apostan, unha vez máis, por distinguir unha práctica minoritaria, co fin de dar visibilidade a un destacado deportista galego.

Fuente Crtvg.es