Nova temporada de Radio Galega Música, que a partir deste luns recupera os seus programas temáticos de autor

0
4

Santiago, 13.09.2020.-    Radio Galega Música estrea este luns nova temporada co regreso dos seus programas temáticos de autor, que tratan de ser un escaparate para as distintas tendencias e estilos da enorme variedade musical, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos combínanse cunha radiofórmula sen estridencias enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección das cancións favoritas das últimas décadas e dos éxitos máis actuais.

Deste xeito, a vindeira semana regresan programas veteranos como ‘Lume na Palleira’, un escaparate do folk galego actual, e ‘Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo. O primeiro emitirase os domingos de 17.00 a 19.00 h e o segundo, ese mesmo día na sobremesa (de 15.00 a 17.00 h). Tamén volven ao dial as ‘Ondas Indies’, que os xoves a partir das 23.00 h lles dan protagonismo ás ondas máis actuais de Galicia e aos seus creadores.

O rock adulto chegará os martes, de novo da man do histórico Charlie Domínguez, co programa ‘O Lobo Urbano’, mentres que ‘Notas de Jazz’ seguirá a retratar os venres un mundo cada vez máis rico e versátil, coa presenza de músicos galegos de recoñecida valía nacional, que soan a carón das propostas máis actuais da chamada música do século XX.

Estas propostas musicais, que se emitirán tamén ás 23.00 h, complétanse coa ‘Cara B’ de Manuel Lourenzo, que os mércores retratará a historia detrás das cancións máis veneradas das últimas décadas, e a ‘Raizame’ de Óscar Losada, que ofrece cada luns a lista europea das músicas do mundo, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música de raíz dos países europeos e a creatividade sonora que vai máis alá do pop estándar.

Nesta nova temporada, tampouco faltará á súa cita nas mañás da fin de semana (09.00 h) ‘Concerto Popular’, programa presentado por Pablo Barreiro e dedicado ao mundo das bandas de música.

Polo demais, coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora, que arroupa os lanzamentos dos artistas do país sen esquecer os grandes hits da música galega de todos os tempos, pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e xa á última hora da tarde, coa chamada ‘música para a volta á casa’, que acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega baseadas na tecnoloxía dixital: Son Galicia Radio e a canle infantil e xuvenil Radio Picariña, que continúan coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno.

Fuente Crtvg.es