Novo concerto de ‘Galicia Emerxe’ na G2, este mércores coa frautista e compositora coruñesa María Toro

0
1

Santiago, 22.09.2021.-    A frautista e compositora María Toro actúa este mércores (23.25 h) no escenario do ‘Galicia Emerxe’, o ciclo de concertos da G2. Nada en 1979 na Coruña, vive sen separarse da súa frauta desde os oito anos. Tras obter o título superior e facer incursións na música tradicional galega e portuguesa, comeza a interesarse polo jazz e outras músicas populares.

A artista interpretará temas do seu terceiro disco, titulado ‘Fume’, o último álbum dunha triloxía moi variada. Despois dunha travesía que a levou desde Zúric ao Río de Xaneiro, con escala en Nova York, María Toro reencóntrase co folclore das súas raíces galegas.

Cunha idea que nace no flamenco e medra no jazz, Toro pasou anos preparando o camiño cara a unha linguaxe propia. A súa permanente viaxe física permitiulle contaxiarse de músicos locais sen abandonar a súa raíz, o que lle achega acentos e texturas ao seu traballo de solista. Xa sexa con destacados artistas europeos, da escena jazzística neoiorquina ou con primeira figuras da música brasileira, o seu proxecto ten un denominador común: a súa inconfundible frauta.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es