O actor portugués Rodrigo Paganelli ficha polo #DígochoEu da CRTVG en Twitch

0
25

Santiago de Compostela, 12.05.2021.- A CRTVG emitirá, desde a semana que vén, dous programas semanais, ás 22.00 h en twitch.tv/crtvg. Despois da estrea en Twitch deste mércores, nunha sesión en streaming en que participaron centros escolares de toda Galicia, os seguidores de #DígochoEu poderán gozar destas dúas citas semanais os luns e mércores pola noite. 

 Os luns, a xornalista Esther Estévez presentará ‘O reto do #DígochoEu’, cunha entrevista en directo e probas lingüísticas a un personaxe coñecido nas que poderá participar a audiencia. O primeiro convidado será o presentador do ‘Malicia noticias’ Brais Doval, que é tamén un activo membro da comunidade de Twitch en galego.

 E os mércores, desde o 19 de maio e tamén ás 22.00 horas, emitirase “#ApuntamentoLusófono”, unha conversa semanal en directo entre Esther Estévez e o actor portugués Rodrigo Paganelli na que ela tratará de aprender portugués e el, galego. Con esta colaboración, a Galega estreita lazos con Portugal e achega de xeito lúdico as semellanzas e diferenzas das dúas linguas ao público máis novo. Paganelli é moi coñecido en Portugal polos seus traballos en cine, teatro e televisión, mesmo nas series ‘Ouro verde’ e ‘Morangos com Açucar’, as dous emitidas en TVG, así como pola súa actividade nas redes sociais.

#DígochoEu estrea desde hoxe web propia: digochoeu.gal

Na sesión desta mañá anunciouse a posta en marcha da web digochoeu.gal, que recollerá os vídeos diarios e tamén os emitidos no Twitch, así como material para o profesorado que usa #DígochoEu como ferramenta didáctica nas aulas. A web estréase con case 600 vídeos e nela poderán interactuar tamén os docentes, a partires do vindeiro curso. Así mesmo, anunciouse que para o curso escolar 2021/2022 convocaranse os “Premios DígochoEu” para dinamizar a lingua entre o alumnado galego.

Actualmente #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal en g24.gal, así como nas contas de Instagram (g24noticias), Twitter (g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG. A boa recepción entre os máis novos fai que os capítulos diarios en TikTok cheguen a máis de 100.000 seguidores.  

Fuente Crtvg.es