O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, ven facer a pretemporada na volta do ‘Land Rober Tunai Show’

0
6

Nesta nova etapa, o programa (22.00 h) estréase na rede social TikTok e contará tamén cun novo espazo de interacción co público, que seguirá sendo o principal protagonista

O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, ven facer a pretemporada na volta do 'Land Rober Tunai Show'

Santiago, 24.09.2020.-    Despois das merecidas vacacións de verán, o ‘Land Rober Tunai Show’ regresa esta noite á programación da Televisión de Galicia cunha visita que sen dúbida pasará á historia do programa. Este xoves chega ao estudio de gravación o home que máis veces lle dixo que non a Roberto Vilar: Fernando Vázquez. O adestrador do Deportivo vai experimentar o enfrontamento da súa vida. Que lle terá preparado Roberto despois de chamalo noite tras noite para vir pintar a mona?

Ademais, os espectadores descubrirán onde foi pasar a xubilación o Rei Emérito: está en Abu Dhabi! Alí, na súa estancia, pasará o tempo cos seus amigos… E como o que pide o rei vai á misa, quen será o primeiro famoso que o visite?

Coma sempre, o público será o verdadeiro protagonista nesta temporada do programa, que ten moitas cousas argalladas para que participe máis ca nunca. O ‘Land Rober Tunai Show’ tamén vai revolucionar as redes sociais porque estrea conta en Tik Tok. E avecíñase un novo espazo de interacción co equipo do programa, a ‘Zona Mixta do Land Rober’, onde os seguidores poderán enviar peticións, retos, preguntas para convidados e coñecer o que se fai detrás das cámaras durante os directos.

Fuente Crtvg.es