O amor e a emoción volven á Galega coas peticións de matrimonio por sorpresa de ’48 horas para o si’

0
31

Santiago, 20.09.2022.-     A emoción, o amor, os nervios, as sorpresas e o mellor entretemento volven este martes á TVG coa segunda temporada de ‘48 horas para o si’, espazo de telerrealidade presentado por Iolanda Muíños, en que seguirán sendo protagonistas as peticións de matrimonio por sorpresa, cos nervios a flor de pel ata o último minuto para saber cal será a resposta.

Cada semana, a persoa que quere casar coa súa parella vivirá dous días a bordo dunha autocaravana, onde, co apoio dun ‘cómplice’, un amigo ou membro da familia, deberá levar a cabo todos os preparativos da voda. Durante estas 48 horas terá dar o todo polo todo para conseguir a voda perfecta e que a outra persoa lle dea o ‘si’. Mentres tanto, a vítima estará enganada pensando que vai participar nun programa de televisión para coñecer mellor a súa parella.

Durante este proceso, a audiencia coñecerá en profundidade a parella protagonista, os momentos máis destacados da súa relación e mesmo as partes máis escuras, que farán dubidar os namorados máis convencidos e que mesmo poderían provocar que nesta temporada haxa algún ‘non’.

No programa desta noite, Yésica, unha nómade empedernida, moi pallasa e dinámica, como ela se define, busca pedirlle matrimonio ao seu mozo Dani, un home valente e positivo cunha historia persoal tan fermosa como dramática, capaz de superar un accidente que o deixou sen unha perna.

Coa complicidade da súa amiga Paula, Yésica percorrerá Galicia na autocaravana de ‘48 horas para o si’ para realizar todos os preparativos da súa voda, mentres Dani pensa que o están gravando para outro programa de televisión.

Pero o engano a Dani non será o único escollo para acadar o anhelado si: unha carreira contra o reloxo e os impedimentos no camiño farán perigar os obxectivos de Yésica e da súa cómplice.

Fuente Crtvg.es