O artista sevillano Manu Tenorio celebra esta noite en ‘Bamboleo’ os seus 20 anos de carreira musical

0
24

Santiago, 01.10.2022.-    ‘Bamboleo’ (22.45 h), o espazo de entretemento que conduce Xosé Manuel Piñeiro, chega puntual á súa cita dos sábados na Televisión de Galicia coa visita dun artista sevillano que xa fixo 20 anos de carreira musical despois de participar na primeira edición de OT: Manu Tenorio. No seu novo disco, froito da súa madurez vital e artística e titulado ‘La verdad’, canta boleros clásicos, incluíndo versións de temas inmortais como ‘Sabor a mí’, de Los Panchos, ou ‘La nave del olvido’, de Julio Iglesias.

Tamén están convidadas ao programa desta noite As Lembranzas, un dúo de irmás que desde Meis levan polo mundo o seu ‘Cantandando’, un tema incluído no seu álbum ‘Gaëla’, que se gravou entre Galicia e Bélxica.

A orquestra Fania Blanco Show fai 30 anos enriba dos escenarios e para celebralo traerán unha fantástica selección musical. No ‘Dirtidansi’, a sección de baile para parellas profesionais, Carles e Mar executarán un tango e un chachachá. Tamén volverá Isi, como cada sábado, pero esta vez farao acompañado dun personaxe que contará as súas propias vivencias.

Os participantes do ‘Agora ou Nunca’, Paula Forján e Michael Rey, cantarán ante as cámaras os temas ‘Cuatro Veinte’, de Emilia, e ‘¿Y cómo es él?’, de José Luis Perales, na versión de Marc Anthony.

En ‘A Jrileira’ competirán o Club Deportivo Ribeira do Rosal e o Veteranos Valeixe da Cañiza, respectivamente. Primeiro cantarán ‘Bajito’, de Ana Guerra, e despois terán que adiviñar o maior número posible de intérpretes en minuto e medio.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, un concursante do público terá que adiviñar cal é a parella dunha persoa en función das respostas dos participantes. Todo isto, ante a enxeñosa participación dos ‘asesores do amor’: Isi, Damián Cortés, Tamara Pérez e Javier Varela.

Fuente Crtvg.es