O balonmán feminino e o fútbol son, esta fin de semana, os protagonistas das emisións en directo da G2 e da web da CRTVG

0
0

Santiago, 21.02.2020.-   Esta fin de semana, os afeccionados ao deporte estarán acompañados polos medios públicos galegos, que ofrecerán, pola G2 e pola web da CRTVG, a Liga Guerreiras Iberdrola de balonmán e as ligas de Segunda B e Terceira División de fútbol. 

O sábado, as retransmisións principian ás 17:30 horas no Estadio Municipal de Calabagueiros, onde o C. D. Barco recibe o Deportivo Fabril no encontro correspondente á xornada 25 da 3ª División de fútbol. Na táboa de clasificación estes equipos están separados por cinco puntos, ocupando os ourensáns a cuarta posición, con 40, e o Fabril a sétima. No partido de ida, o Barco foi o conxunto vencedor, pero nesta segunda volta está tendo unha traxectoria irregular, pois só gañou 2 dos 7 partidos disputados. O último, o 9 de febreiro, goleando 1-4 ao Somozas. Aínda así, está nos postos de ‘play off’ e este sábado buscará recuperar sensacións para continuar loitando polo ascenso. Pola súa parte, o Fabril ten posibilidades de optar aos postos de ‘play off’. Logo dunha mala racha en que perderon 3 partidos consecutivos, a xornada pasada empatou 2-2 na casa co Compostela nun encontro en que o club da cidade herculina comezou poñéndose por riba no minuto 8.

Ás 19:30 h, a G2 e crtvg.gal poñen en marcha a emisión do Conservas Orbe BM Porriño – Balonmano Salud Tenerife, encontro correspondente á décimo cuarta xornada da Liga Guerreiras Iberdrola de balonmán, no Pavillón Municipal do Porriño. As locais ocupan a décima posición da clasificación, con 7 puntos. A xornada pasada perdeu 23-30 contra o BMC Liberbank Xixón na casa nun encontro en que as galegas foron moi insistentes na procura do gol a pesar de disputar un partido complicado, pois o seu rival é o segundo clasificado da Liga. As tinerfeñas ocupan a posición seguinte ás galegas, con 6 puntos, e a xornada pasada empataron 25-25 co Rocasa Gran Canaria. 

Ás 12:00 horas en Barreiro, o Celta B – As Palmas Atlético pon en marcha as emisións deportivas do domingo na G2 e na web da CRTVG no espazo ‘A Liga das Cidades’. O conxunto vigués ocupa a zona baixa da Segunda División B, a décimo oitava posición con 26 puntos, e precisa da vitoria para continuar na loita pola permanencia. Na xornada anterior perdeu 2-1 ante o Langreo. O conxunto canario non se atopa nunha situación moito mellor, xa que ocupa a décimo sexta posición con 31 puntos, e levan dúas xornadas consecutivas perdendo. Este domingo buscarán acadar a vitoria para cumprir o coñecido refrán: Á terceira vai a vencida.

Ao mesmo tempo en que se disputa o encontro do Municipal de Barreiro, o Rácing de Ferrol visita o Estadio Balear para enfrontarse ao Atlético Baleares, o primeiro da liga, con 55 puntos, que empatou a uns a xornada pasada ante o Coruxo. Desta volta, enfróntase por terceira semana consecutiva ante un equipo galego. Logo de 3 vitorias consecutivas e un empate, o líder busca continuar na mesma liña para afastarse do segundo clasificado, o Atlético B, con 51 puntos. O Rácing de Ferrol ocupa a primeira metade da táboa, en novena posición con 33 puntos. Leva dúas xornadas consecutivas gañando pola mínima, a última, ante o U. D. Eivissa por 1-0. Se este domingo consegue os tres puntos, podería acadar a sétima posición da táboa. 

Xa pola tarde, ás 17:00 horas e continuando no tempo de ‘A Liga das Cidades’, en San Lázaro terá lugar o encontro que enfronta o Compostela, líder da Terceira Galega, co Rápido de Bouzas. O Compostela está sendo imparable esta temporada, aínda que a xornada pasada só puidese volver á casa cun empate ante o Fabril logo de 5 vitorias seguidas. Nesta ocasión os locais xóganse o liderado, xa que o Ourense C. F. está 2 puntos por debaixo na clasificación. O Rápido de Bouzas está nos postos de perigo e este domingo afronta un partido complicado, pois a xornada pasada os de Miguel Fernández perdían na casa ante o Alondras por 0-1 e levan sen gañar desde o 4 de xaneiro, cando golearon 1-4 ao U. D. Paiosaco.

Fuente Crtvg.es