O cantante Al Bano e o grupo La Pegatina actúan esta noite nun ‘Luar’ que lle fará unha homenaxe a Geogie Dann

0
10

Santiago, 05.11.2021.-   Este venres o ‘Luar’ subirá ao escenario a Al Bano, un dos cantantes italianos con máis sona en España. Fíxose moi popular nos anos 70 e 80 grazas ao dúo Al Bano e Romina, que formaba coa súa hoxe ex-muller. Os seus temas ‘Felicitá’ e ‘Ci serà’ fixeron as delicias dos máis románticos nas pistas de baile. Agora, máis de 40 anos despois, Al Bano continúa nos escenarios coa súa carreira en solitario e achégase ao ‘Luar’ para deleitar os espectadores cos seus grandes éxitos.

O espazo da TVG tamén contará coa actuación de La Pegatina, grupo de rumba catalá e ska que é un auténtico revulsivo enriba do escenario. A súa proposta, enérxica, divertida e bailable, é espectáculo e adrenalina en estado puro.

O cartel musical desta semana no espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández complétase coa presenza do Colectivo Castro Floxo, de Gaela, das pandeireteiras Queixumes dos Pinos e da orquestra La Favorita.

Como non podía ser doutro xeito, o programa da TVG terá unha lembranza moi especial para o cantante Georgie Dann, falecido esta semana. Recuperaranse vídeos seus cantando en galego e os recanteiros interpetarán un popurrí cos seus grandes éxitos. O humor tamén estará moi presente este venres, coa visita da Señora de Palmírez, un dos personaxes míticos da historia do programa, que realizará o seu particular monólogo sobre os 30 anos de ‘Luar’.

Ademais, non faltará esta noite unha nova entrega do concurso musical ‘Recantos’, desta volta coas actuacións de Dan Ale, procedente da Mariña, e de Laura, representante da comarca do Miño.

Fuente Crtvg.es